Opinión

Entrando nun tempo novo

Despois da cita electoral do 20-D xa sabemos a dimensión concreta dos cambios rexistrados no mapa político estatal.

Despois da cita electoral do 20-D xa sabemos a dimensión concreta dos cambios rexistrados no mapa político estatal. Se nos comicios do ano 2011, o PP e o PSOE sumaron o 73% dos votantes daquel momento, agora os dous partidos só acadaron o 50%. No ámbito galego, pasouse dun 80% de apoio a esas forzas no 2011 a un 58% nesta ocasión. Houbo, nos últimos meses, moitas análises e prognósticos que falaban da fin do bipartidismo. Non existía, obviamente, unha certidume sobre o alcance exacto de tal previsión. Agora si podemos afirmar que o dominio bipartidista ficou cuestionado mais non desmantelado.

En todo este tempo, as proclamas favorábeis ao remate do bipartidismo non foron acompañadas dun deseño concreto sobre o mapa político alternativo que resultaría desexábel e/ou posíbel. Até agora, a hexemonía do PP e do PSOE só fora parcialmente corrixida pola notábel presenza parlamentaria de CiU e PNV. A influencia de IU, a pesar da súa implantación estatal, non era quen de neutralizar a penalización que padecía polas características do sistema electoral español e, xa que logo, non conseguiu modificar as dinámicas habituais (alternancia gobernamental de Partido Socialista e PP co apoio complementar da coalición de Jordi Pujol e, se era preciso, do PNV). A entrada do nacionalismo galego a partir de 1996 non tivo a entidade suficiente para alterar o cadro político existente. Nestas condicións, a única opción viábel para mudar a estrutura bipartidista tiña que proceder da erosión efectiva dos integrantes do binomio pola aparición de novas opcións (aínda que puideran ser construídas con algúns materiais xa existentes) con capacidade de sedución sobre segmentos relevantes do electorado que viña sostendo o edificio bipartidista.

Podemos e Ciudadanos ofrecían posibilidades inéditas aos votantes desencantados co seu comportamento anterior ou que acudían por primeira vez á cita coas urnas

Podemos e Ciudadanos ofrecían posibilidades inéditas aos votantes desencantados co seu comportamento anterior ou que acudían por primeira vez á cita coas urnas. As cifras do 20-D deron carta de natureza ás novas formacións aínda que no caso do partido de Albert Rivera a realidade final non se corresponda coas expectativas alimentadas por determinados círculos demoscópicos e mediáticos. O desgaste do PP era previsíbel despois do vivido nos últimos catro anos. A auténtica novidade,o certificado da creba da lóxica bipartidista anterior, é a incapacidade do PSOE para captar o descontento coa xestión de Rajoy. Perder 20 deputados neste contexto é a proba do nove da fenda creada na dinámica política tradicional. Estamos asistindo a un tránsito: aínda perviven –con menor intensidade- os vectores do recente pasado e agroman expresións novidosas que poden propiciar mudanzas mais relevantes.

No ámbito galego, o PPdG e o PSdG non teñen motivos serios para xustificar o nivel de satisfacción que amosaron os seus dirixentes despois de coñecidos os resultados. A pesar de que a campaña esperpéntica de Ciudadanos facilitou unha menor transferencia de votos procedentes do PP, Feijóo sabe que con estas cifras o mantemento da súa cadeira presidencial fica mais lonxe do que desexaría. Por primeira vez nunhas eleccións destas características, o Partido Socialista perde a súa condición de segunda forza política e ten un resultado moi deficiente nas cidades e nalgunhas vilas significativas. En ambos casos estamos ante a confirmación dalgunhas tendencias visíbeis nos comicios municipais do pasado mes de Maio.

“En Marea” foi, sen ningunha dúbida, a grande triunfadora do 20-D. Hai varias circunstancias concretas que confirman semellante afirmación: acadar unha elevada porcentaxe que lle permite cumprir os requisitos esixidos para conformar un grupo parlamentario propio; superar ao PSdG no volume de votos conseguidos (grazas, sobre todo, aos apoios recibidos nos espazos urbanos mais habitados); ser a primeira forza na cidade mais poboada da Galiza; entrar no Senado polas circunscricións da Coruña e de Pontevedra... Este magnífico resultado da Marea fica mais amplificado pola gravísima desfeita electoral padecida por NÓS. Despois de 20 anos de presenza digna no Parlamento estatal, o nacionalismo galego organizado no BNG retorna ao período comprendido entre 1977 e 1996 co agravante de que, agora, as potencialidades electorais existentes no seo da sociedade galega son moi superiores ás que se rexistraban naquelas décadas.

Se o BNG adopta unha posición defensiva –revestida da retórica lampedusiana: mudar certas cousas para manter o esquema de sempre- camiñará cara unha irrelevancia definitiva

O devalo electoral do BNG non é unha novidade. Ten precedentes mais ou menos inmediatos. A fondura desta caída recente é consecuencia, polo menos, da combinación de dous factores: os efectos derivados da división rexistrada –hai case 4 anos- na Asemblea de Amio e o clima creado pola aparición de novas correntes políticas capaces de suscitar apoios relevantes nos sectores mais dinámicos do corpo electoral galego (as Mareas municipais). Cunha marca desgastada –aínda que, nunhas eleccións xerais, menos do que xa estaba nos pasados comicios locais-, o BNG non estaba en condicións de competir cunha oferta que era vista como defensora das reivindicacións galegas no escenario estatal e dispuña da fortaleza asociada aos produtos novos non contaminados cos aspectos menos presentábeis das vellas prácticas políticas. A discusión sobre quen tivo mais responsabilidades no fracasado intento de construír unha candidatura unitaria non traspasou os limites dos reducidos círculos mais interesados nas venturas e desventuras da esquerda nacionalista galega.

O actual BNG ten que facer fronte a unha escolla complicada e incerta. Posúe unha valiosa rede organizativa e unha contrastada capacidade mobilizadora. Mais, fora de certos ámbitos municipais, carece de atractivo electoral. Se adopta unha posición defensiva –revestida da retórica lampedusiana: mudar certas cousas para manter o esquema de sempre- camiñará cara unha irrelevancia definitiva. Se decide iniciar un proceso de refundación deberá ofrecer algúns avais que doten de credibilidade a semellante proceso. Por exemplo: recoñecer, con todas as consecuencias, que na Marea está presente unha parte da familia nacionalista. E tamén: prescindir de todas as siglas internas que condicionan de facto o propio funcionamento da organización.

Comentarios