Opinión

A encrucillada cubana

Cuba ocupou, máis unha vez, lugares destacados no mundo mediático do Estado español. O motivo: as protestas rexistradas nalgunhas cidades e vilas da illa caribeña por mor das dificultades que atravesa un amplo sector da poboación para conseguir os bens e servizos que necesita na grave conxuntura do coronavirus.

Para ponderar o interese da polémica desatada no ámbito da política española, resulta necesario diferenciar os argumentos utilizados no universo da dereita (política e mediática) dos que se manexan no seo dos sectores historicamente defensores do sistema político existente na illa.

No primeiro caso, seguen repetíndose os vellos lugares comúns: Cuba merece ser penalizada para que se produza, a curto prazo, o derrocamento do réxime que naceu en 1959. Os que difunden estas ideas saben que esa táctica intervencionista non acadou, en todas estas décadas, os resultados que desexaban e coñecen, ademais, que as relacións internacionais non funcionan en base ás características dos sistemas políticos que rexen nos distintos países. A exhibición dunha impúdica hipocrisía é moeda corrente no PP, Vox, C’s e nos analistas habituais do bloque conservador: as mobilizacións rexistradas nos últimos meses en Chile ou en Colombia (con cifras importantes de persoas mortas e feridas) non mereceron a mesma reacción de belixerancia crítica que agora manifestan. Se cambiamos de continente, a dupla moral resulta escandalosa: aceitase como algo normal o que sucede en Arabia Saudí, Marrocos, Exipto e tantos outros países africanos. Non se cuestionan as relacións con China ou Vietnam (con estruturas políticas moi parecidas ás que se demonizan no país caribeño). Certamente, semellan ficar moi lonxe aqueles tempos nos que Manuel Fraga viaxaba a Cuba para visitar a Fidel Castro e Aznar acudía a Trípoli para negociar con Gadafi.

Resulta complicado discrepar con alguén que leva moito tempo sometido a un inxusto bloqueo 

Na outra banda do escenario, as reflexións resultan mais atractivas no plano intelectual aínda que non teñan consecuencias prácticas nas decisións que podan adoptar os actores mais directamente implicados. Como xa sinalei nalgunha outra ocasión nesta mesma páxina, as análises que se fan dende a esquerda sobre a situación cubana deben enfrontar unha dificultade de moita envergadura: a revolución de 1959 e a posterior resistencia ante ao belicoso intervencionismo dos USA converteron ao réxime castrista nun símbolo do combate liberador dos países do terceiro mundo no contexto dunha “guerra fría” que non permitía distanciamentos críticos. Certamente, resulta complicado discrepar con alguén que leva moito tempo sometido a un inxusto bloqueo pero é necesario distinguir os efectos provocados polo asedio exterior dos erros cometidos ou das carencias non recoñecidas. É verdade que durante décadas (os anos 60, 70 e 80 do século pasado) os dirixentes cubanos non podían pensar que a URSS ía caer como un castelo de naipes e, xa que logo, a beneficiosa dependencia económica na que estaban instalados ía provocar consecuencias negativas moi duras e de moi complicada superación. Pero, a partir dese momento, demostraron pouca capacidade para transitar por novos camiños no eido económico (por exemplo: reducir o perigoso monocultivo turístico ou promover usos produtivos agrarios para evitar a excesiva hipoteca das importacións alimentarias) e no eido político. É dubidoso que un sistema de partido único poida sobrevivir no actual contexto latinoamericano. Mais aínda: algunhas das mellores experiencias de transformacións sociais naquela área durante os últimos anos (Brasil, Uruguai, Bolivia, Ecuador...) demostraron ser compatíbeis coa vixencia de sistemas pluripartidistas. Aínda que as especificidades históricas cubanas son indiscutíbeis, as experiencias mais próximas poderían axudar na procura de fórmulas singulares que permitan manter e actualizar un nivel adecuado de diálogo e interlocución coa maioría da poboación. Precisamente, as protestas deste pasado mes de xullo demostran que non hai canles suficientes de comunicación e negociación para buscar solucións ás demandas suscitadas.

Comentarios