Opinión

Dimitir non é un nome ruso

Dúas recentes sentenzas xudiciais permiten incorporar mais elementos de análise para o debate aberto sobre a corrupción política na Galiza e no Estado.O Tribunal Supremo ratificou a absolución ditada pola Audiencia de Ourense a respeito da actuación seguida –no chamado caso paneis- por tres cargos do BNG no goberno da cidade e o mesmo tribunal acordou que Xosé Blanco non incorreu en prácticas delitivas no denominado caso Campión.A partir de ambas realidades xurídicas, reavívase o debate dos últimos meses:debe postularse a dimisión daquel dirixente político que resulte imputado nunha instrución xudicial ou é mais congruente agardar polo resultado final do veredicto?Os defensores desta última opción –maioritariamente ubicados nos ámbitos do PP e do PSOE- utilizarán as sentenzas referidas para confirmar a pertinencia das súas teses.Poren, existen argumentos para seguir mantendo a comenencia de abandonar os postos -nos parlamentos, nos gobernos, nas deputacións ou nos concellos- cando se formaliza unha acusación por parte dun xuíz instrutor.

Dúas recentes sentenzas xudiciais permiten incorporar mais elementos de análise para o debate aberto sobre a corrupción política na Galiza e no Estado. O Tribunal Supremo ratificou a absolución ditada pola Audiencia de Ourense a respeito da actuación seguida –no chamado caso paneis- por tres cargos do BNG no goberno da cidade e o mesmo tribunal acordou que Xosé Blanco non incorreu en prácticas delitivas no denominado caso Campión. A partir de ambas realidades xurídicas, reavívase o debate dos últimos meses: debe postularse a dimisión daquel dirixente político que resulte imputado nunha instrución xudicial ou é mais congruente agardar polo resultado final do veredicto? Os defensores desta última opción –maioritariamente ubicados nos ámbitos do PP e do PSOE- utilizarán as sentenzas referidas para confirmar a pertinencia das súas teses. Poren, existen argumentos para seguir mantendo a comenencia de abandonar os postos -nos parlamentos, nos gobernos, nas deputacións ou nos concellos- cando se formaliza unha acusación por parte dun xuíz instrutor.

"Debe postularse a dimisión daquel dirixente político que resulte imputado nunha instrución xudicial ou é mais congruente agardar polo resultado final do veredicto?"

A política non pode ser subsumida na xustiza. Obviamente, as persoas que realizan actividades políticas de xeito organizado deben estar sometidas á lexislación vixente pero iso non significa que o único criterio operativo para xulgar as accións dos representantes e dos xestores públicos sexa o cumprimento das normas acreditado por unha autoridade xudicial. É posíbel –e necesario- establecer un espazo propio para o labor político e dotalo dun sólido contido de valores que aseguren a imprescindíbel credibilidade social para aquelas persoas que conforman ese plural universo encargado de administrar os recursos comúns. Certamente, tal circunstancia require a existencia dunha cultura democrática transversal e consolidada.

Seguindo a lóxica de quen esixe unha previa condena xudicial para dimitir dun cargo, chegariamos a unha práctica devaluación das institucións elixidas por sufraxio universal e á lexitimación fáctica da mentira na actividade política, algo que resulta eticamente rexeitábel por mais que sexa admisíbel no exercicio defensivo diante dun tribunal.

"O notábel desprestixio que padece, actualmente, a propia elite política require aplicar un nivel de esixencia superior ao que se manexou noutras épocas"

Hai, ademais, outro argumento que debe ser ponderado ao fío do estado de opinión presente no tecido social. O notábel desprestixio que padece, actualmente, a propia elite política require aplicar un nivel de esixencia superior ao que se manexou noutras épocas. A desconfianza instalada en amplos sectores da cidadanía só pode diminuír se hai un código de boas prácticas que rexenere o funcionamento dos partidos e das institucións. Asumir o risco de cometer unha inxustiza pola dimisión de tal ou cal responsábel político é menos nocivo para a saúde do sistema democrático que o mantemento das inercias conservadoras e gremiais acumuladas en tantos anos de tolerancia e/ou complicidade coa corrupción.
En calquera caso, as recentes sentenzas do Tribunal Supremo certifican que non é certa a reiterada afirmación de que “todos os políticos son iguais”.Os concelleiros nacionalistas de Ourense dimitiron sen agardar polo punto final do proceso xudicial. O ex –ministro socialista non o fixo aínda que o pediu para outros imputados. A dupla moral do PP é ben coñecida:esixe aos demais o que non quere aplicar nos seus cuarteis.

Comentarios