Opinión

Desexábel e posíbel

Nun artigo recente sobre as vindeiras eleccións ao Parlamento europeo, Carlos Aymerich expoñía as razóns favorábeis á conformación dunha “ candidatura galega construída arredor dun programa de mínimos, nacionalista e de esquerda, aberta a todos e todas as persoas e organizacións que o asuman”.Lamentabelmente, existen moitos indicios que permiten pensar na inviabilidade de semellante obxectivo.

Nun artigo recente sobre as vindeiras eleccións ao Parlamento europeo, Carlos Aymerich expoñía as razóns favorábeis á conformación dunha “ candidatura galega construída arredor dun programa de mínimos, nacionalista e de esquerda, aberta a todos e todas as persoas e organizacións que o asuman”.Lamentabelmente, existen moitos indicios que permiten pensar na inviabilidade de semellante obxectivo.

"Resulta desexábel a conformación dunha candidatura galega unitaria? É posíbel materializar semellante opción?"

Nas actividades políticas rexístrase, con certa frecuencia, unha disociación entre o posíbel e o desexábel.Analizando o caso concreto das eleccións europeas de Maio do 2014, podemos formular dúas preguntas básicas:resulta desexábel a conformación dunha candidatura galega unitaria? É posíbel materializar semellante opción?

As virtualidades dunha candidatura galega desas características non ofrecen dúbidas.Permitiría darlle unha importante expresión electoral aos distintos movementos de protesta protagonizados no seo do corpo social galego por mor das salvaxes políticas de empobrecemento promovidas dende a troika coa explícita colaboración dos gobernos de Rajoy e Feijoo. Ao mesmo tempo, reforzaría os estímulos dos sectores mais activos da cidadanía do noso País, colocando nun segundo plano as diferenzas entre as formacións políticas e multiplicando os efectos benéficos dun singular “se queremos, podemos”.

Establecida a premisa de que esta alternativa é desexábel, por qué non é posíbel? Acaso non hai suficiente masa crítica común de carácter programático entre AGE, BNG e CxG para facer realidade semellante acordo? Un repaso das folgas e mobilizacións acontecidas no noso País durante o último ano, confirmaría os elevadísimos niveis de coincidencia entre os promotores desa eventual candidatura. A visión sobre a UE non é certamente coincidente pero ofrece suficientes denominadores comúns para construír unha oferta electoral non ficticia e socialmente convincente.As concesións que deberían asumir as forzas concordantes –tendo presente loxicamente o seu nivel actual de representatividade electoral- poderían debuxar un conxunto compensado e aceptabelmente equilibrado.

"Pretender, por exemplo, un consenso sobre a base de postular unha candidatura de ámbito estatal onde figure IU é un brinde ao sol. Quen fai esa proposta sabe perfectamente que non é realista".

Un acordo unitario desta natureza non é realizábel se algunha das partes establece unhas condicións de imposíbel cumprimento. Pretender, por exemplo, un consenso sobre a base de postular unha candidatura de ámbito estatal onde figure IU é un brinde ao sol. Quen fai esa proposta sabe perfectamente que non é realista e que só ten explicación na lóxica dunha lexítima confrontación entre as ideas de cada quen.Se queremos unha candidatura galega unitaria temos que artellala cos vimbios que están dispoñíbeis aquí. Sen descoñecer, por suposto, o que se move noutros ámbitos territoriais e as complicidades que cada forza decida cultivar agora e no futuro.En todo caso, afirmar que as eleccións do ano que ven son o test decisivo no que se xoga a continuidade do actual réxime político semella mais unha construción especulativa para lexitimar determinados puntos de vista que unha conclusión derivada da propia realidade política que hoxe se vive no Estado español.

Se, finalmente, esta candidatura non se fai realidade aparecerán, previsibelmente, tres coalicións nas que figurarán, respectivamente, BNG, ANOVA e CxG.A inevitábel competición polos votos substituirá á cooperación que sería esixíbel para activar a ilusión de todos esas persoas que desexan incrementar a presenza de voces galegas críticas nas institucións europeas.

Comentarios