Opinión

Derrota política do PP

Mariano Rajoy decidiu aplicar a máxima de que unha retirada a tampo vale mais que unha vitoria.O PP dispón dunha maioría absoluta no Congreso que lle permitiría aprobar administrativamente o anunciado cambio na lexislación do aborto.

Mariano Rajoy decidiu aplicar a máxima de que unha retirada a tempo vale mais que unha vitoria. O PP dispón dunha maioría absoluta no Congreso que lle permitiría aprobar administrativamente o anunciado cambio na lexislación do aborto. Podía gañar a batalla parlamentaria pero sabía que tiña perdido o debate social .A enérxica oposición  das organizacións feministas actuou de motor dinamizador dun estado de opinión maioritariamente contrario á involución pretendida pola presidencia do goberno e pilotada en primeira persoa –ironías da política!- por un ministro –Gallardón- que nunca tivera especial empatía coa extrema dereita instalada no universo do PP.

"Pensaron que o apoio incondicional á eliminación dos dereitos das mulleres manifestado por coñecidos comentaristas da “Brunete” mediática ou pola xerarquía da Igrexa católica eran blindaxes suficientes para evitar os custes dunha operación tan provocadora".

Os alquimistas da Moncloa xogaron con lume e case fican queimados. Quixeron dar unha satisfacción aos sectores ultras do seu electorado para compensar o forte e rápido deterioro padecido por mor das durísimas medidas tomadas para pasar a factura principal da crise aos que non foran culpábeis da mesma. Pensaron que o apoio incondicional á eliminación dos dereitos das mulleres manifestado por coñecidos comentaristas da “Brunete” mediática ou pola xerarquía da Igrexa católica eran blindaxes suficientes para evitar os custes dunha operación tan provocadora.

As sondaxes de Arriola acenderon as luces vermellas.Entre os propios votantes do partido gobernante, a normativa involucionista non suscitaba os apoios requiridos para xustificar a oportunidade de semellante iniciativa política. Xa que logo, a retirada do anteproxecto de lei era unha cuestión de tempo. A sentenza estaba ditada. Os máximos dirixentes do PP presumen da súa adscrición á defensa dos grandes valores morais  mentres as contas electorais resultan satisfactorias.Se as calculadoras indican que os votos foxen, o medo a perder o poder supera calquera outra consideración. Aparece, daquela, o seu marxismo inconfesado.O de Groucho:temos estes principios; se non lles gustan, temos estes outros.

Esta é, sen dúbida, unhas das maiores derrotas políticas do PP na lexislatura que comezou coa abafante maioría absoluta conseguida en Novembro de 2011. Veremos se é a derradeira deste período histórico.

Comentarios