Opinión

O comportamento da política

Unha crise sanitaria como a que estamos coñecendo -e as importantes consecuencias económicas e sociais que viviremos nos vindeiros meses- coloca enriba da mesa un problema clásico: como se está comportando a política ante semellante situación extraordinaria?

Convén establecer, previamente, unha precisión terminolóxica. Que entendemos por política? Pódense manexar, como mínimo, dúas posíbeis acepcións. Unha: o conxunto de actuacións que levan a cabo os representantes políticos que conforman os Parlamentos e os gobernos dos diferentes países involucrados. Outra: as opinións, reflexións e debates que se rexistran en distintos espazos do corpo social (singularmente: medios de comunicación, redes sociais, ámbitos académicos) ao fío da evolución da propia crise.

A primeira é, sen dúbida, a interpretación dominante cando se fala da política. Xa que logo, cando emitimos unha avaliación, referímonos ao que din e fan as persoas que dirixen os partidos que, periodicamente, solicitan a confianza da cidadanía. Para ben e para mal, a imaxe desta actividade é a que proxectan as persoas que ocupan postos representativos no poder lexislativo e no poder executivo de tal ou cal sistema democrático. E a lóxica que funciona nesas institucións é, primordialmente, competitiva: disputase cada hipotético voto de apoio aproveitando os acertos propios, destacando os erros alleos e ignorando, obviamente, aquelas carencias e virtudes que poidan prexudicar a imaxe que se quere conseguir.

Dada a natureza singular da actual crise, podería existir algunha dúbida previa sobre a reacción dos distintos actores políticos. Xa que estamos ante algo que non ten precedentes na nosa historia recente, era verosímil pensar que -agora si- íamos contemplar outro xeito de facer política. A realidade eliminou calquera esperanza. Singularmente, a táctica elixida por PP e Vox -segunda e terceira forza no actual Congreso estatal- multiplica as experiencias máis tóxicas rexistradas na política institucional das últimas décadas. Culpabilizar explicitamente o actual goberno das mortes provocadas por esta pandemia ou solicitar a substitución do executivo de Pedro Sánchez por outro presidido por Rosa Díez, Aznar ou González revela unha liña proclive á creación das condicións que faciliten a reedición daquel “goberno de concentración nacional” que postulaba o xeneral golpista Alfonso Armada o 23 de febreiro de 1981 e non se compadece co que debería ser o exercicio da oposición nestes tempos extraordinarios.

A situación na que nos atopamos esixiría enfrontar -cos debates e diálogos que fosen precisos- os graves problemas que están emerxendo nestes dias. Citemos tres exemplos: 1) as notábeis insuficiencias dos sistemas de prestación de servizos públicos (na sanidade, na atención ás persoas maiores, nas dotacións para a investigación...); 2) as serias diverxencias no modelo de construción da UE recollido nos tratados fundacionais (que postulan a progresiva equiparación nas condicións de vida das persoas que habitan nos diferentes territorios da Unión); 3) a necesaria revisión da estrutura territorial do Estado español para facer efectivo un acaído funcionamento federal entre distintos poderes establecidos.

A envergadura destas cuestións non é compatíbel cunha mirada curtoprazista que priorice o cálculo electoral por riba de calquera outra consideración. Se non se fala destes asuntos nos parlamentos e/ou nos gobernos, o corpo social tenderá a beber noutras fontes -sobre todo, nas redes sociais e nos medios de comunicación- coas consecuencias que tal fenómeno poida provocar. As primeiras están cada día máis colonizadas polo populismo fascista e os segundos rexistran unha forte presenza das ideas conservadoras. 

O reto está servido: para facer efectivos cambios relevantes na orde económica e social son necesarias ferramentas políticas (organizacións, persoas, xeitos de funcionamento...) que se atopen á altura das circunstancias. Co que temos enriba, non valen vellas fórmulas ou rutinas burocráticas. O tempo dirá se é realista agardar o cumprimento deste desexo.

Comentarios