Opinión

Citas electorais no sur de Europa

Nun intervalo de 15 días tiveron lugar tres citas electorais relevantes no Sur de Europa.

Nun intervalo de 15 días tiveron lugar tres citas electorais relevantes no Sur de Europa. Mais alá das lóxicas diferenzas derivadas das traxectorias e hábitos dos respectivos corpos sociais, os resultados dos comicios en Grecia, Catalunya e Portugal mereceron unha mirada expectante por parte dos poderes dominantes nas estruturas da UE. Aínda que non se recoñecera explicitamente, existía unha coincidencia básica entre observadores e analistas: o futuro das políticas deseñadas en Bruxelas podería ficar moi condicionado pola vontade expresada nas urnas. E moito mais cando xa se coñece a data na que se celebrarán as eleccións xerais no Estado español e as consecuencias tamén poden ser relevantes nese cadro xeral.

Cando xa se coñecen os resultados, as análises aparecen contaminadas polo afán de construír o relato que resulta mais favorábel de cara ás vindeiras batallas políticas. E por iso escoitamos ou lemos simplificacións tan contundentes coma estas: ”a troika gañou”; “venceu a política de austeridade”; “fracasaron os independentistas”. Semellantes titulares –en realidade, case consignas- non resisten un contraste coa propia situación que presentan as tres sociedades despois de abrir as urnas. Mais que derrotas ou vitorias contundentes, houbo empates.

Non se quere abandonar o proceso de construción dun espazo unitario europeo, mais non se aceitan as lóxicas que hoxe se practican para levalo adiante

O modelo de estabilidade gobernamental que desexaban consolidar os dirixentes da UE non foi ratificado polos respectivos corpos electorais. A vitoria de Syriza non era a aposta preferida polo goberno alemán. Tampouco poden tirar foguetes polo mapa político portugués: se non se verifica unha complicadísima gran coalición entre as dúas formacións maioritarias, é verosímil unha nova convocatoria nos vindeiros meses. E cómo negar a inestábel e incerta situación que certificou o 27-S en Catalunya.

Aínda que fose mais tácita que expresa, existiu unha notábel presión sobre os electorados nos últimos meses: para asegurar unha presenza digna no club selecto residenciado en Bruxelas era necesario apoiar as opcións que disfrutaban da máxima confianza dos poderes fácticos comunitarios. Semellante estratexia non proporcionou os efectos desexados. Hai un común denominador nas vontades manifestades nestes tres comicios: non se quere abandonar o proceso de construción dun espazo unitario europeo, mais non se aceitan as lóxicas que hoxe se practican para levalo adiante. O fundamentalismo económico –austeridade destrutora do benestar por riba de todo- e o esencialismo estatalista –os Estados actualmente existentes como únicos “partenaires” posíbeis- saíron significativamente erosionados. As solucións aos problemas que atravesan estas –e outras- sociedades haberá que buscalas por outros camiños diferentes.

 

Comentarios