Opinión

Certezas e incógnitas dunha fusión bancaria

A fusión e/ou absorción de empresas é unha práctica que se repite con certa frecuencia nos tecidos económicos de moitos países. A que se vén de anunciar agora entre Caixabank e Bankia ten, certamente, algunhas singularidades. Unha relevante: o banco resultante será o de maior dimensión dos que operan no Estado español. Outra que non convén esquecer: as entidades que se van agrupar proceden de diversas Caixas de Aforro que no seu día foron bancarizadas (entre elas, de xeito destacado, La Caixa e Cajamadrid, vinculadas nas súas orixes a Cataluña e á Comunidade de Madrid). E unha terceira circunstancia moi importante: Bankia é unha empresa onde o FROB posúe o 62% do seu accionariado, como consecuencia do rescate realizado por ese organismo público.

A opinión dominante que se está a emitir nas tribunas mediáticas a respecto das razóns que motivan a operación de Caixabank e Bankia alude ás dificultades derivadas da crise económica provocada pola pandemia, ademais da persistencia doutros factores específicos que veñen operando no sector bancario dende hai uns meses. Atopariámonos, pois, ante unha decisión preventiva —promovida e/ou avalada polas autoridades do BCE— para conxurar eventuais derrubamentos desestabilizadores no panorama financeiro europeo. En todo caso, ninguén pode descoñecer as consecuencias negativas asociadas a este proceso de fusión —que tamén ocorreron noutros rexistrados con anterioridade—: a perda dunha porcentaxe significativa dos postos de traballo existentes nas dúas empresas que converxen e a notábel diminución do nivel de competencia no mercado bancario. Vaise repetir unha realidade que tivemos oportunidade de visualizar en décadas pasadas: o medre no proceso de oligopolización que penaliza as persoas físicas e xurídicas que ofertan ou demandan recursos ao conxunto das entidades financeiras e que provoca, ao mesmo tempo, a desaparición dun notábel continxente humano de capacidade contrastada.

Bankia foi un banco público debido ao rescate millonario asumido pola Administración central do Estado e non como consecuencia dunha deliberada decisión adoptada polos gobernantes daquel momento. Obviamente, Mariano Rajoy non contemplaba outro escenario que non fose a súa venta ao sector privado (tal e como sucedeu, por certo, con Novagaliciabanco) no momento que considerasen mais apropiado. A dimensión e as características do banco sucesor de Cajamadrid non incentivaron, seguramente, as posíbeis ofertas de adquisición por parte doutros actores participantes no sistema financeiro español. Polo demais, a xestión de Rodrigo Rato —a pesar da recente e moi discutíbel sentenza absolutoria— erosionou gravemente a reputación dunha entidade que foi obscenamente manipulada polos dirixentes do PP de Madrid.

Non hai argumentos coñecidos que avalen a inviabilidade de Bankia na súa configuración societaria e directiva anterior (mais alá daqueles pronunciamentos dogmáticos, explícitos ou implícitos, que defenden a imposibilidade intrínseca de calquera modalidade de banca pública). Polo que se coñece até o momento, o Estado terá unha porcentaxe minoritaria pero moi significativa no capital do que será, por tamaño, o primeiro banco español. Esta circunstancia é novidosa dende a década dos 90 do século pasado e abre diversas incógnitas para o futuro.

O que está a suceder admite unha lectura en chave galega. Aceitando que o impacto da redución da capacidade operativa actual —en persoal e instalacións— vai ser menor aquí que noutros territorios, esta fusión suscita unha mirada cara ao pasado e outra cara aos vindeiros meses. Resultou precipitado o proceso de venta de Novagaliciabanco? A pregunta resulta pertinente despois de comprobar a experiencia vivida por Bankia. En todo caso e a partir de agora: vai existir algún proxecto de concentración bancaria que afecte a Abanca? Unha vez que se instaura a lóxica de que o medre da dimensión empresarial é o factor prioritario que debe presidir a toma de decisións neste e noutros sectores, todo é posíbel. Comprobarémolo nos vindeiros anos.

Comentarios