Opinión

A carreira electoral de Feijoo

Aínda que non existen -ou non son coñecidos- inquéritos sobre o estado de opinión da sociedade galega a respecto da convocatoria electoral inicialmente prevista para o pasado 5 de abril e posteriormente aprazada, semella que esa cita coas urnas non forma parte do catálogo de preocupacións prioritarias presentes no corpo social.

Poren, a expectativa electoral si estivo condicionando o comportamento do actual presidente da Xunta. No seu caso, sería de total aplicación aquela vella máxima que postulaba: “non fagas caso do que eu digo senón do que eu fago”. Reiterou verbalmente que non lle preocupaban as eleccións pero mudou, en 24 horas, a súa oposición explícita ao mantemento do estado de alarma despois da conversa coa vicepresidenta do goberno do Estado na que seica lle informou do acordo co PNV que posibilitou a convocatoria electoral aínda que siga vixente a actual situación xurídica excepcional.

Convén lembrar que o adianto para o 5 de abril estivo motivado por un cálculo realizado polo actual inquilino de San Caetano para obter os maiores rendementos posíbeis na fixación do calendario. A pandemia alterou radicalmente os escenarios previstos e orixinou unha importante anomalía no funcionamento das institucións de autogoberno: nun momento de máxima transcendencia para a gobernanza dos asuntos públicos, o Parlamento galego deixou de funcionar no seu formato ordinario, debilitando o imprescindíbel labor de impulso e control da acción do Executivo e imposibilitando o traballo lexislativo propio do órgano que emana da soberanía popular galega.

Coas urnas no horizonte, os incentivos para buscar acordos por parte do PPdG diminuíron fortemente, provocando unha dificultade adicional na obtención dun desexábel -aínda que fose parcial- denominador común no tratamento dos importantes efectos da crise sanitaria. Existen diversos exemplos relevantes: as reducidas comparecencias de Feijóo na Deputación Permanente da Cámara do Hórreo; o incumprimento da súa promesa inicial de encontros periódicos cos voceiros da oposición; a focalización sistemática no goberno do Estado das deficiencias na xestión da crise sen asumir as responsabilidades que lle corresponden no desastre acontecido nas residencias de maiores, nas serias deficiencias constatadas na atención primaria ou no caos rexistrado na contabilización dos datos; a esixencia dun comportamento ao executivo de Pedro Sánchez que non practica, simetricamente, no ámbito competencial galego. Ao cabo, a pretensión do actual presidente da Xunta resultou moi evidente: construír un relato que atribúe todos os erros ao goberno Psoe-UP e agacha todos os déficits acumulados na xestión realizada dende San Caetano.

O argumento público utilizado para fixar a data do 12 de xullo foi o da minimización do risco sanitario asociado a esta cita electoral. Se isto fose realmente así, non se entende a oposición de Feijóo ao mantemento do estado de alarma aprobado polo Parlamento do Estado o pasado día 20. Se non existisen limitacións aos desprazamentos entre as distintas Comunidades Autónomas medrarían as posibilidades de contaxio en diferentes cidades e vilas galegas durante o mes de xuño, dificultando -ou mesmo imposibilitando- a realización dos comicios convocados polo presidente da Xunta. En realidade, a motivación principal para estabelecer o calendario definitivo radica na convicción que ten o candidato do PPdG das vantaxes electorais para o seu partido: escandalosa superioridade na presenza mediática a respecto das forzas da oposición durante os dous últimos meses; dificultades para realizar unha campaña de comunicación directa coa cidadanía nas vindeiras semanas e a hipótese de que o inevitábel medo asociado á gravidade da crise sanitaria provoque unha reacción conservadora en favor dos actuais inquilinos de San Caetano.

Alberto Núñez Feijóo tiña unha oportunidade irrepetíbel para facer pedagoxía política construtiva: acordar explicitamente cos partidos da oposición a data destes comicios tan atípicos. Preferiu xogar coa lóxica de sempre. Coma se non pasara nada.

Comentarios