Opinión

O capitalismo realmente existente

A política francesa semella levar no seu “adn” unha propensión a certo rupturismo nominalista que evoca algúns dos eventos mais coñecidos da súa historia. Foi Sarkozy quen, no outono de 2008, proclamou a necesidade de refundar o capitalismo para -seguindo a lóxica médica aplicada ao colesterol- combater o malo e afortalar o bon. Mais recentemente, Emmanuel Macron escolleu un termo de resoancias significativas para titular o libro que contén as súas propostas políticas: Revolución. Entre ambos, outro político francés -o comisario europeo Moscovici, membro do Partido Socialista- proclamou ante Pedro Sánchez -co gallo da polémica sobre o CETA- que “ser de esquerdas non é estar contra a globalización”.

No Estado español, a maioría dos dirixentes políticos emiten nunha lonxitude de onda verbal menos ambiciosa. A case totalidade dos debates que se formulan están vinculados ao curtopracismo e moi alonxados da reflexión sobre as características do propio sistema económico e social no que desenvolvemos a nosa vida colectiva.

Como é sabido, o capitalismo forma parte da historia recente do xénero humano. Trátase dunha economía que asenta sobre tres peares básicos: a propiedade privada dos medios de produción; a existencia dun mercado libre, como institución central e a busca do máximo beneficio, como motor da actividade económica. As principais críticas que se teñen formulado a respeito deste sistema poden ser desagregadas en catro grandes apartados:

1).-O propósito de obter o beneficio máximo, no marco dun mercado libre, como forza motora da actividade económica, configura unha economía afastada das necesidades sociais: a economía anteponse á sociedade; a ganancia á xustiza social, á solidariedade e á redución das desigualdades.

2).-A competencia entre capitalistas promove situacións de crise de graves resultados sociais (desemprego, pobreza, marxinación). Asemade, esta competencia dificulta, e mesmo impide, a cooperación necesaria para enfrontar problemas de gran envergadura a medio e longo prazo –que teñen alcance supraestatal ou mundial– como son os movementos migratorios ou as ameazas ecolóxicas de carácter global.

3).-É unha orde económica que estimula o crecemento a calquera custe e o conseguinte consumo non razoábel de recursos naturais.

4).-Está baseado na explotación da man de obra asalariada, promove unha acumulación desmesurada de riqueza por parte do empresariado e da banca e non contempla, como propia, unha distribución social da riqueza.

Nas últimas décadas asistimos a unha dinámica de medre exponencial dos vínculos económicos a nivel mundial: é o que se vén chamando a globalización capitalista. Neste contexto, apareceron varios dogmas como supostas verdades científicas: a máxima liberdade de movementos para os capitais; a independencia dos bancos centrais a respeito dos Estados (ou, no caso da UE, das restantes institucións comunitarias); a subordinación da acción política e das demandas sociais á consecución dos obxectivos macroeconómicos; a redución do gasto público; a obtención da estabilidade monetaria; o derrubo das barreiras comerciais (administrado dun ou doutro xeito en función dos intereses das potencias máis influíntes). A aplicación destas ideas deu lugar a fenómenos ben coñecidos: progresivo desenvolvemento dunha mundialización desbocada; intercambios financeiros de carácter fortemente especulativo; consolidación da pobreza no mundo; redución dos gastos sociais e incorporación ao mercado (privatización) de actividades de interese social xeral; acusada mercantilización do traballo, co conseguinte desenvolvemento da precariedade no emprego, da inseguridade laboral, da desestruturación da clase obreira e da disgregación social.

A crítica do capitalismo presenta, hoxe, varias eivas relevantes. Algunhas proceden das debilidades que posuían as anteriores perspectivas teóricas anticapitalistas. Outras derivan do remate das vías prácticas alternativas encarnadas polo chamado socialismo real. Este modelo -xordido no período da II Internacional (1889-1914) e baseado nunha economía fundada na propiedade estatal, na xestión burocrática e na toma de decisións políticas independentes do mercado- ten hoxe pouca credibilidade. En ausencia de novas experiencias prácticas, resulta moi complicado definir con precisión unha nova economía non capitalista. Porén, si poden enunciarse os principais criterios que deberían orientar os novos intentos: substituír o logro do máximo beneficio como valor preferente pola atención ás necesidades sociais; pór en pé vías de control democrático da economía -o que implicaría transparencia e participación a grande escala-; camiñar cara unha maior igualdade e cohesión social tanto en cada país como no plano internacional; pór en pé políticas efectivas de cooperación entre as nacións do mundo e facer do desenvolvemento sostíbel non produtivista unha preocupación central. A partir das experiencias coñecidas, semella razoábel pensar que unha política económica que pretenda superar o capitalismo debería combinar elementos diversos como mercado e plan, regulación e liberdade, iniciativa pública e privada.

Comentarios