Opinión

Cambios no escenario político galego

Até o ano 2015 a singularidade do sistema político galego radicaba na presenza dunha forza nacionalista -o BNG- que viña obtendo representación no Congreso dende 1996 e que relativizaba, dese xeito, a hexemonía bipartidista exhibida polo PP e o Partido Socialista dende os anos 80 do pasado século. A partir das xerais de 2015 -e da repetición electoral de Xuño de 2016- rexistráronse dúas circunstancias combinadas: as forzas maioritarias perderon peso -aínda que nunha menor proporción que no conxunto estatal- e o BNG foi substituído por unha coalición -En Marea- que agrupaba a persoas identificadas coa vella EU, a outras asociadas a Podemos e un continxente procedente do universo nacionalista.

 A cita do 28 de Abril presentaba, no caso galego, unha novidade relevante: a creba do espazo unitario que simbolizara, hai tres anos, En Marea. A diferenza do que ocorreu noutros territorios do Estado, aquí había tres candidaturas -En Marea, Unidas Podemos e BNG- que competían polos votos das persoas que se atopan en coordenadas de esquerda e/ou nacionalistas e non se identifican co que representa o PSdG. Nun plano descritivo, pódese afirmar que a importante -e novidosa- división constatada na dereita tivo un correlato, mesmo incrementado, na outra parte do escenario político. Esta circunstancia propiciou un reforzamento das expectativas electorais das candidaturas socialistas, beneficiarias dunha dupla tendencia: os réditos derivados da estancia de Pedro Sánchez na Moncloa e a transferencia de votantes procedentes da súa esquerda, desencantados coa división das ofertas e precavidos ante o eventual medre da extrema dereita.

 A cita do 28 de Abril presentaba, no caso galego, unha novidade relevante: a creba do espazo unitario que simbolizara, hai tres anos, En Marea

 Abertas as urnas deste pasado domingo, tomaron corpo algunhas singularidades definitorias do comportamento do electorado galego.

Por unha banda, os socialistas conseguiron -por primeira vez dende 1977- a vitoria (no número de votos e nos escanos) nuns comicios desta natureza. A pesar de que tiraron proveito dun vento favorábel no conxunto estatal, non se pode descoñecer o mérito asociado a este feito por mor da habitual fortaleza exhibida polas formacións da dereita en todas estas décadas.

 Ademais, é preciso recoñecer que o partido liderado por Feijoo resistiu mellor a competencia de grupos como Cs e Vox. Aínda que o presidente da Xunta esaxerou os éxitos propios con falsidades evidentes (afirmando, por exemplo, que Galiza é a única Comunidade Autónoma na que Vox non obtivo representación), é indiscutíbel que unha parte relevante dos votantes do PPdG non sintonizan adecuadamente coa filosofía e coas propostas recentralizadoras formuladas por Pablo Casado.

Cando se complete -o vindeiro 26 de Maio- o actual ciclo electoral, aparecerán enriba da mesa unhas cantas incógnitas de importancia de cara aos comicios galegos que terán lugar no 2020

Os fracasos de Anova, En Marea (EM) e BNG, incapaces de obter presenza no Congreso, certifican a coñecida debilidade estrutural do galeguismo, agravada pola xestión duns dirixentes políticos mais preocupados pola disputa da hexemonía no propio espazo que pola necesaria optimización dunha oferta atractiva que fora quen de manter unha presenza referencial no Parlamento do Estado. A estes efectos, a política galega regresa ao período anterior a 1996, cando -durante 20 anos- non existiu unha representación do nacionalismo galego nas Cortes. A ruptura da converxencia acadada no 2015 -no seo de En Marea- derivou na obtención de 2 escanos por parte de Unidas Podemos (UP), unha forza de ámbito estatal desprovista da compoñente galeguista que posuía hai tres anos.

Cando se complete -o vindeiro 26 de Maio- o actual ciclo electoral, aparecerán enriba da mesa unhas cantas incógnitas de importancia de cara aos comicios galegos que terán lugar no 2020. Seguirá optando Núñez Feijoo a un novo mandato presidencial? Haberá unha reconversión no espazo actualmente conformado por UP, EM e BNG? Como se concretaría, no seu caso, esa nova recomposición? Conseguirá o PSdG proxectar as fortalezas acumuladas o 28-A para ser quen de encabezar unha alternativa de cambio gobernamental en San Caetano? 

Comentarios