Opinión

A calidade democrática do PP

O arquivo provisorio da investigación xudicial aberta a Xosé Manuel Baltar por presuntos comportamentos delitivos (abuso sexual e suborno) abre, mais unha vez, a polémica a respecto das responsabilidades xudiciais e políticas dos representantes públicos. O presidente da Deputación de Ourense fica, polo momento, eximido de calquera imputación penal, mais non pode agachar a evidencia dunhas conversas -a propia xuíza instrutora non cuestiona a verosimilitude das mesmas- que non son compatíbeis coa conduta ética que debería ser esixida a unha autoridade desa categoría institucional.

A interpretación realizada pola xuíza resulta determinante da secuencia dos acontecementos que teñen lugar no escenario político. Se os indicios de delito fosen considerados suficientes pola maxistrada, Baltar pedría a baixa no PP aínda que seguiría no seu cargo presidencial. Coma non foi así, todo segue igual e Feijóo aproveita para esixir que a oposición pida desculpas por ter pedido a dimisión do dirixente ourensán. Velaquí o círculo perverso no que nos atopamos: as responsabilidades políticas só poden existir se, previamente, hai un procesamento xudicial ou unha condea dos tribunais. A distinción que se invoca en moitas ocasións é ben coñecida: a mentira é un dereito que asiste a un presunto delincuente como feramenta defensiva, mais non debería ser admitida como normal na vida política.

Recentemente, o PSOE presentou unhas mocións de reprobación do ministro de Xustiza, do fiscal xeral do Estado e do fiscal anti-corrupción. Estas iniciativas saíron aprobadas por unha ampla marxe númerica debido aos apoios recibidos nas bancadas da oposición parlamentar. Certamente, a importancia política do sucedido non pode ser minusvalorada: é a primeira vez que o Congreso censura un ministro e dous fiscais de semellante relevancia.

Amparándose na circunstancia xurídica do carácter non vinculante das resolucións aprobadas, os afectados manifestaron a súa decisión de non cumprir a vontade maioritaria emanada do Congreso grazas ao aval que supuxo a explícita declaración de Rajoy favorábel á continuidade dos mesmos. Atopámonos, pois, ante unha situación gravísima: o poder executivo non quere respectar a decisión tomada pola Cámara que representa a soberanía popular nun momento no que se acumulan diversos episodios que cuestionan o adecuado funcionamento do propio sistema democrático.

Velaquí o círculo perverso no que nos atopamos: as responsabilidades políticas só poden existir se, previamente, hai un procesamento xudicial ou unha condea dos tribunais

 

Hai poucos días Mariano Rajoy emprazaba o presidente da Generalitat para que levase ao Congreso dos Deputados as súas propostas sobre a situación de Catalunya. Ao mesmo tempo, avisaba que non vai participar no debate da moción de censura presentada por “Unidos Podemos”, “En Comú Podem” e “En Marea”.

Esta colección de exemplos permite calibrar a calidade da arquitectura democrática realmente existente no Estado español. A folla de ruta do PP non ten matices: o Parlamento só ten valor cando hai unha maioría que emite na súa mesma lonxitude de onda. As dimisións só están reservadas para quen tivo a mala sorte de caír nas mans do poder xudicial.

Comentarios