Opinión

Algunhas conclusións sobre o 21-D

Había un certo consenso previo a respecto das eleccións ao Parlament de Catalunya celebradas o pasado día 21.Non eran uns comicios “normais”.Porque a convocatoria foi consecuencia dunha decisión adoptada polo presidente do goberno do Estado no marco dunha determinada aplicación do artigo 155 da Constitución aprobada no Senado.E porque as actuacións xudiciais promovidas contra diversos dirixentes políticos independentistas orixinaron que algúns deles ficaran en prisión preventiva e outros fixaran a súa residencia temporal en Bruxelas para neutralizar a devandita acción xudicial.

Pero ademais destas circunstancias anómalas, impropias dun proceso electoral democrático, a cita do 21-D ía ter outras singularidades relevantes:ademais de coñecer o apoio suscitado por cada unha das candidaturas concorrentes, concretariase o peso relativo dos tres sectores presentes no corpo electoral catalá (o independentista, o constitucionalista e o que representa X. Domenech) e o nivel de aprobación dispensado á utilización do artigo 155 para suspender o funcionamento das institucións de autogoberno contempladas no Estatut.

O xuizo das urnas do 21-D sobre a aplicación do artigo 155 resultou contundente:o 55% dos votantes refrendou aquelas opcións contrarias a esa decisión fronte ao 43% das persoas que secundaron a C's, PSC e PP

A moi elevada participación rexistrada (inédita nunhas eleccións deste carácter) non alterou substancialmente os resultados do outono de 2015:segue habendo unha maioría absoluta de escanos independentistas avalada por unha porcentaxe de votos (47,5%) practicamente igual ao que xa se contabilizara anteriormente.Desmontase, pois, a tese de que unha baixada da abstención ía reforzar aos partidos constitucionalistas e debilitar relativamente ás forzas que sostiveron ao goberno de Puigdemont e Junqueras.Os únicos cambios teñen que ver co reparto dos votos no interior de cada campo:medre notábel de Cidadans e fracaso espectacular do PP; importante caída das CUP e sorprendente hexemonía de “Junts per Catalunya”; redución significativa do respaldo a “En Comú Podem”.Facendo unha leitura nesta dimensión, é pertinente formular algunhas conclusións:o independentismo ten unha grande fortaleza pero non é quen de captar mais apoios nos restantes territorios; as opcións constitucionalistas están lonxe da maioría social que nalgún momento pronosticaron e os chamados comúns perden votos para a “terceira vía” que defenden.

O xuizo das urnas do 21-D sobre a aplicación do artigo 155 resultou contundente:o 55% dos votantes refrendou aquelas opcións contrarias a esa decisión fronte ao 43% das persoas que secundaron a C's, PSC e PP.Quen pensaban que esa medida excepcional -e de dubidosa constitucionalidade- ía provocar unha muda cualitativa no mapa electoral catalán comprobaron o grave erro de cálculo cometido.

As cifras proporcionadas polas urnas permiten pensar na conformación dun novo goberno sustentado na maioría parlamentaria independentista.A dificultade da súa materialización deriva da forte interferencia xudicial que está afectando á dinámica política.A incertidume sobre a viabilidade práctica da investidura de Puigdemont como presidente pode establecer un bloqueo sobre o propio funcionamento da institución parlamentar e orixinar consecuencias pouco previsíbeis.

En todo caso, o 21-D certificou que xa non existe o nivel de consenso político que estivo presente durante moitas décadas na vida pública catalá

En todo caso, o 21-D certificou que xa non existe o nivel de consenso político que estivo presente durante moitas décadas na vida pública catalá.Tamén permitiu constatar que a opción dun Estado independente non posúe a maioría social suficiente para a súa efectiva consecución.E, por se había algunha dúbida, acreditou que o mantemento do actual statu quo constitucional non ten futuro como posíbel ponto de encontro para resolver o conflito que se vive en Catalunya.

É realista pensar nun proceso de diálogo e negociación entre as forzas do novo Parlament para buscar un pacto político e social que proporcione un encaixe satisfactorio das distintas identidades e ideas que conviven naquel Pais? Hai incentivos suficientes para que os sectores involucrados muden as posicións que defenden na actualidade? As respostas están no vento...da historia vindeira.

Comentarios