Opinión

O afundimento do mito de Juan Carlos de Borbón

De non existir a grave crise sanitaria -con todas as importantes secuelas sociais, económicas e políticas- que estamos a vivir, a actualidade política sufriría un shock de gran impacto como consecuencia dos comunicados emitidos pola Casa Real nos últimos meses. Primeiro para dar conta da retirada da asignación orzamentaria ao anterior monarca e despois para anunciar que o chamado Rei emérito -practicando unha singular modalidade de “autoexilio”- vai establecer a súa residencia fóra do territorio español.

Estes anuncios oficiais revelan que a Casa Real dá verosimilitude ás informacións -e ás primeiras actuacións xudiciais orixinadas polas mesmas- que establecen a participación de Juan Carlos de Borbón en prácticas financeiras presuntamente ilegais ou, en todo caso, incompatíbeis co máis elemental criterio de comportamento ético esixíbel a unha persoa da súa condición. O actual Rei pretende establecer un público e notorio cortalumes co seu proxenitor para tratar de minimizar a contaminación deses feitos sobre a propia institución monárquica.

Estamos ante a crise máis grave padecida pola monarquía instaurada por Franco

Estamos, sen dúbida, ante a crise máis grave padecida pola monarquía instaurada por Franco e institucionalizada no texto constitucional de 1978. A hipotética neutralización desta notábel erosión vai requirir a posta en marcha de actuacións específicas no ámbito xudicial e no das institucións políticas. Non se pode entender, nun sistema democrático, que unha crise desta natureza non se discuta e/ou investigue no seo do poder lexislativo, peza básica do edificio representativo da soberanía popular. Non estamos ante as peripecias protagonizadas por un cidadán calquera senón pola persoa que ocupou -dende 1976 ate o ano 2014- o cimo da pirámide xerárquica vixente no Estado español.

Cando se coñeceu a participación de Iñaki Urdangarín en diversos casos de corrupción, as persoas máis descridas tiveron que admitir -alén das incidencias concretas dos procedementos penais- a existencia dunha grave patoloxía moral no interior das elites españolas. O caso do anterior Xefe do Estado ratifica a enorme dimensión do sucedido nas últimas décadas: unha cobiza desmedida sumada á convición de posuír unha impunidade baseada nos silencios cómplices rexistrados no establishment económico, político e mediático.

As informacións comprometedoras para Juan Carlos de Borbón proceden de gravacións realizadas por Villarejo

Atopámonos  nunha situación paradoxal. As informacións comprometedoras para Juan Carlos de Borbón proceden de gravacións realizadas por Villarejo, -un paradigmático representante dos funcionarios corruptos incrustados no aparello policial- e son difundidas predominantemente por medios ubicados na dereita e na ultradereita (El Mundo, El Español, El Confidencial, OK diario...). Simultaneamente, unha grande parte dos opinadores que defenden a continuidade da actual monarquía alporízanse pola suposta existencia dunha campaña de desprestixio preparada polas forzas rupturistas e independentistas que queren rematar co réxime do 78. Este fío argumental foi o que utilizaron recentemente un grupo de dirixentes e cargos públicos -pertencentes ás forzas que hexemonizaron o panorama político dende 1977- para defender a presunción de inocencia e a traxectoria do anterior Xefe do Estado. A lectura dese manifesto permite constatar a insistencia nesa  perversa lóxica que dominou o prolongado período do bipartidismo e que só considera rexeitábeis aquelas prácticas condenadas en sede xudicial, ignorando a importancia da exemplaridade na conduta dos diferentes servidores públicos. Que Juan Carlos de Borbón non sexa declarado culpábel por un tribunal de xustiza non significa que o seu comportamento resulte acorde coa decencia esixíbel a unha persoa das súas características.

Para millóns de habitantes do Estado español estase a derrubar o mito do Rei que pilotou unha exemplar transición dende a ditadura franquista ao réxime constitucional de 1978. O pacto que posibilitou semellante cambio tiña unha fortaleza política incuestionábel (UCD, PSOE, PCE, AP, CiU...) que se traducía nun evidente illamento social de quen pretendiamos manter a memoria do 14 de Abril de 1931. Certamente, a historia non está escrita para sempre.

Comentarios