Opinión

A década do malestar

Hai agora dez anos, os medios de comunicación rachaban a tradicional seca informativa do mes de Agosto anunciando un episodio que para moita xente resultou enigmático: o estoupido das chamadas “hipotecas subprime” nos mercados financeiros dos USA. A reacción maioritaria dos analistas -sobre todo no ámbito europeo- foi transmitir unha mensaxe de tranquilidade: era unha treboada “normal”, propria das caracterísitcas específicas da evolución da economía norteamericana nos anos precedentes. Xa que logo, non había motivos serios para se preocupar: a UE non ía padecer os efectos negativos derivados dun potencial contaxio.

Os prognósticos optimistas fracasaron tanto como a descrición do “mundo feliz” -a fortaleza estrutural dos círculos virtuosos presentes na lóxica das economías do primeiro mundo, a suposta desaparición dos ciclos na dinámica económica...- na que estaban instalados dende había anos a grande maioría dos economistas que exercían no ámbito académico ou nos staffs de asesoramento gobernamentais.

Os impactos do shock rexistrado nos USA foron desiguais -na súa intensidade e na velocidade temporal coa que apareceron- nos distintos territorios da UE. As eivas específicas que presentaban as economías de cada Estado ou nación provocaron efectos diferentes que non agacharon a pertinencia dun diagnóstico común: estabamos ante a maior crise do sistema capitalista dende a década dos anos 30 do século XX.

Os impactos do shock rexistrado nos USA foron desiguais -na súa intensidade e na velocidade temporal coa que apareceron- nos distintos territorios da UE

 

A existencia dunha moeda común e as fortes limitacións estabelecidas no funcionamento da unificación económica (mínimo orzamento comunitario, carencia de políticas fiscais de ámbito supraestatal, restricións na actuación do Banco Central Europeo) motivaron que a resposta á crise pivotara sobre o “mantra” da austeridade: severa redución do gasto público como mecanismo prioritario para cadrar as contas das facendas estatais. E tamén sobre outro factor de graves repercusións sociais: a devaluación salarial como ferramenta básica da recuperación dos beneficios empresariais. O cadro resultante é ben coñecido: perda de postos de traballo, máxima precarización do “novo” emprego que se crea, redución da capacidade adquisitiva da poboación asalariada e notábel deterioro das políticas de benestar encomendadas ás Administracións públicas, agudización dos niveis de desigualdade nas condicións de vida.

Unha desfeita coma esta suscitou as lóxicas controversias no mundo das ideas. Os defensores do pensamento ortodoxo puxeron en circulación, entre outras, dúas teses que pretenderon elevar á condición de novos mitos da nosa época. Primeiro afirmaron que un dos máis relevantes motivos causais da crise estivo situado na circunstancia de que as sociedades viviamos “por riba das nosas posibilidades”. E despois, sostiveron o criterio de que as perdas rexistradas no Estado do benestar eran transitorias: só un breve parentese no seguro retorno aos dereitos dos vellos tempos. As dúas foron -e son- construcións voluntaristas, sen fundamentos reais contrastados, que pretenden socializar as responsabilidades na destrución padecida nos parámetros do benestar público e difundir a ilusión dunha recuperación que sexa quen de neutralizar os episodios de rebelión social.

No ámbito do Estado español, esta década de crise contribuiu á xestación de dous fenómenos que non se tiñan rexistrado anteriormente: o movemento xurdido no 15-M do ano 2011 -e a posterior reconfiguración do mapa político hexemonizado polo bipartidismo- e o medre substancial no apoio social recibido polo independentismo catalán. Hai, por suposto, outros factores concorrentes na explicación de semellantes realidades (a xeralización da corrupción nunha parte relevante da elite política, a sentenza do TC contraria a unha parte significativa do novo Estatut de Catalunya aprobado en referendo...) pero sen ese pano de fondo da creba dos equilibrios económicos previos non se entendería, por exemplo, a maior participación na política de sectores importantes da mocidade frustrados pola invisibilidade dun futuro digno para as súas expectativas vitais.

Comentarios