Opinión

O 9 de novembro de 1989

Por un azar da historia, o 9 de Novembro é unha data cargada de importantes simbolismos.Na historia de Catalunya será unha referencia primordial no proceso de construción desta vella nación.

Por un azar da historia, o 9 de Novembro é unha data cargada de importantes simbolismos.Na historia de Catalunya será unha referencia primordial no proceso de construción desta vella nación. Pero tamén nos remite a un feito moi relevante ocorrido hai 25 anos:a desaparición do muro de Berlín. Un verdadeiro punto de inflexión por canto os sucesos rexistrados na capital de Alemaña naquel outono de 1989 foron o comezo do remate do socialismo real nos países do centro e do leste de Europa. 

"Un verdadeiro punto de inflexión por canto os sucesos rexistrados na capital de Alemaña naquel outono de 1989 foron o comezo do remate do socialismo real nos países do centro e do leste de Europa". 

A batalla dos sistemas económicos gañouna, no século XX, o capitalismo. Demostrou posuír unha grande capacidade de adaptación ás mutacións operadas nos tecidos sociais dos países economicamente mais poderosos, aproveitando moitas das oportunidades xeradas pola evolución histórica e neutralizando unha boa parte das ameazas que apareceron nas distintas fases do seu desenvolvemento. O sistema soviético promoveu un proceso de modernización diferente do occidental. Construíu un poder autoritario e duramente represivo –sobre todo nalgúns períodos- exercido pola elite do partido único e da administración estatal. O réxime comunista da URSS unificou as esferas ideolóxica, política e económica baixo a autoridade centralizada do Estado:o grupo social que gobernaba era o mesmo que dirixía a economía e que ditaba a ideoloxía oficial.Precisamente, a conversión do marxismo na ideoloxía oficial dos Estados do leste europeo afectou seriamente ao prestixio dunha das mais importantes correntes ideolóxicas do socialismo democrático do século XIX.

"A esquerda social, a pesar da súa importancia numérica e do mantemento da adhesión a certos símbolos e valores socialistas tradicionais, vive unha crise de identidade, de orientación e de ideas".

O fracaso do experimento soviético provocou importantes consecuencias:cuestionou a crenza en que a eliminación da propiedade burguesa remataría coa desigualdade e as inxustizas, desacreditou o intento de liberar a actividade económica da tiranía do mercado mediante a planificación e desvalorizou a idea dun cambio social radical e global. Os últimos vinte e cinco anos permitiron constatar que a esquerda social, a pesar da súa importancia numérica e do mantemento da adhesión a certos símbolos e valores socialistas tradicionais, vive unha crise de identidade, de orientación e de ideas.

O século XXI comezou case como o anterior.Wall Street repetiu o protagonismo de 1929 co inicio dun  novo incendio no sistema que presumía de ter aprendido as leccións do pasado.As grandes desigualdades sociais e o extremado individualismo da sociedade contemporánea son as vellas asignaturas pendentes que o actual modelo capitalista non consigue aprobar e que alimentan novos pensamentos críticos que recollen e actualizan os valores e as arelas que acompañaron aos proxectos transformadores dos últimos douscentos anos.

Xesús Veiga 

Comentarios