Opinión

Espellos

 A lenda de Artur e o mito de Perseo, igual que o conto de Branca de Neve, a historia do Iscariote, a do papa Gregorio Magno e moitas outras, reflicten como espellos a imaxe de Edipo, un drama que supera en antigüidade a calquera outro relato ou  memoria da especie humana.    

Conta o mito de Perseo como o rei Acrisio, advertido polo oráculo de que sería morto por un neto, manda pechar a filla, Danae, nunha torre para que ningún home poida chegar a ela. Con todo, un día Danae pare un fillo, Perseo, e cando Acrisio  recibe a noticia dispón a morte inmediata do neno. Danae implora ao pai o perdón para o neto. El concédello, mais ordena que metan o neno nunha arca, xunto coa nai, e os abandonen no mar. Danae e Perseo son arrastrados polas ondas até o reino de Polidectes. Este rei enamórase de Danae e, aínda que ela non lle corresponde, acóllea na casa e cría a Perseo como un fillo. Pasados os anos, Perseo convértese nun celoso defensor da nai ante as pretensións amorosas de Polidectes. Conque o rei envíao en procura da Gorgona para que ela acabe co rapaz. Mais el enfróntase ao monstro e córtalle a cabeza, voltando para o palacio e matando tamén a Polidectes. Tempo despois, Perseo sente desexos de viaxar á terra natal, Argos, e ponse en camiño. Cando o rei Acrisio ten noticia do regreso do neto, foxe para Lárisa. Alí chega tamén Perseo. O avó e o neto coinciden, sen saber un do outro, nos xogos da cidade. Perseo guinda o disco e, accidentalmente, mata o vello, cumpríndose así a profecía do oráculo.

Unha lenda posterior, de orixe galés, conta como Mordred, fillo do rei Artur, aproveitando que o pai marchara cos seus exércitos contra o emperador de Roma, anuncia a falsa morte do proxenitor, faise coroar en Canterbury e, por fin, casa con Xenebra, a nai simbólica. Advertido Artur da traizón, regresa cos seus homes para a Bretaña, pronto a se vingar, mais é morto polo fillo na batalla de Camlann.

Como vemos, a lenda de Artur e o mito de Perseo, igual que o conto de Branca de Neve, a historia do Iscariote, a do papa Gregorio Magno e moitas outras, reflicten como espellos a imaxe de Edipo, un drama que supera en antigüidade a calquera outro relato ou  memoria da especie humana.    

"A medida que retrocedemos no tempo, o carácter criminal da acción de Edipo vaise debilitando até desaparecer nos primeiros momentos da evolución". 

A investigación ten detectado indicios do mito no segundo milenio a. C. mais  debeuse xestar no neolítico e semella remontar as orixes da especie humana para sinalar o reino animal. Con efecto, é propio dalgunhas especies, entre as que figuran os nosos predecesores, a organización do grupo arredor dun macho que exerce o dominio sobre os novos e a cópula coas femias. Os machos novos, fillos do “xefe”, adoitan eliminaren, física ou simbolicamente, o pai para copularen coas femias, entre as que pode encontrarse a nai.

A morte do pai e a unión coa nai son, xa que logo, un rasgo natural que foi preciso erradicar para garantir a estabilidade do nacente Grupo Humano, como ilustra o propio mito, pois que, segundo o profesor Guidorizzi, o derivado grego Laio significa pobo, grupo humano, e o crime cometido polo fillo consistíu, precisamente, en ir contra o grupo.

Para evitar isto, para impedir a subversión, naceu o tabú: non matar o pai, non copular coa nai. En troca, o pai permite aos fillos practicaren formas secundarias de incesto. Así a tensión dos machos novos reláxase e o grupo mantén o equilibrio.

Un reflexo deste mecanismo podémolo observar aínda en tempos históricos en Exipto, en Israel, en Escandinavia ou na Grecia clásica, por nos cinguir á nosa área cultural, onde o incesto secundario era aceptado sen reparos.

Alén disto, algúns filólogos, como Marie Delcourt, suxiren que debeu existir un antecedente do mito de Edipo en que o pai e o fillo combatían conscientemente polo trono. Isto correspóndese co rito de sucesión exposto por Frazer, segundo o cal o Rei do Bosque Primordial é morto por un home novo que se une a seguido en matrimonio sagrado á Deusa Nai.

Conque a medida que retrocedemos no tempo, o carácter criminal da acción de Edipo vaise debilitando até desaparecer nos primeiros momentos da evolución. Mais axiña a inocencia é substituída pola orde humana. E Edipo é a primeira vítima. Ao el nacer é arrastrado para fóra da casa, máis alá dos campos de cultivo, isto é, para o que nós chamamos paleolítico, cando a oposición entre home e animal aínda non existía, como evidencia o centauro que cría a Edipo no monte, ou a Esfinxe, que é muller e leoa ao mesmo tempo, ou o propio Edipo, feito de sangue humano e leite animal. El é, xa que logo, a criatura que mantén vivas as dúas naturezas. Por iso non pode ter un nome. Edipo non é un nome, é un selo: o que ten os pés inchados, a imaxe do pai a lle atravesar os pés cun ferro para que non poida camiñar e regresar á casa e matalo. E Edipo camiña e mata o pai e déitase coa nai. Edipo, o selvaxe, Edipo, o eivado, Edipo, o neurótico, Edipo, o subversivo... Edipo, si, horror no espello.

Comentarios