Opinión

Non todo está perdido

A pandemia da Covid-19 colleume desprevido. Acostumárame durante máis de sete décadas a considerar que as grandes desgrazas e catástrofes, as guerras, as inundacións, as pestes, a miseria, eran cousas alleas, que sucedían en sitios afastados, a persoas descoñecidas. Para iso alimentábame mentalmente das noticias, case sempre negativas, dos diarios, unha droga habilmente elixida e dosificada para manter como adictos a aqueles que unha vez foran lectores.

De pronto, as noticias de mortos por asfixia na nosa contorna sacudiu a miña conciencia. A morte aparecía na miña vida por sorpresa, ameazante, como se nunca existira antes. Xa non era, logo, cousa de vellos e enfermos, de xente pobre e mal alimentada, que non podía acceder aos hospitais ou estragada polos vicios. Tíñaa na porta da casa, entre os veciños, enchendo os centros de saúde e os hospitais ata bloquealos. 

Axiña acabei de ver que á soberbia política, científica, económica, relixiosa, lle custaba recoñecer que tamén a elas as collía de sorpresa, que non estaban preparadas, e improvisaban medidas severamente restritivas, aventuraban hipóteses improbables, trataban de quitar vantaxes económicas ou, sinxelamente, escorrían o vulto e calaban por non ter que dicir.

Máis dun ano despois, os resultados non parecen moi prometedores. As xentes, a pesar dos repetidos e perigosos novos brotes, fan como se todo pasase e puidese volver "á vida de antes". Non parece que, en moita da poboación, a aprendizaxe resultante desta profunda crise fose moi exitosa e que a ilusión de regresar ao pasado, por máis que se desexe e algúns o crean inda viable, xa non é posible. Non obstante, penso que non está todo perdido e que existen outras alternativas reais e máis satisfactorias.

A macro-economía non ten por que seguir sendo o principal argumento e preocupación da vida política e social. Fronte á busca desenfreada da riqueza, do poder e dos praceres, que sempre desemboca en violencia, existe a postura de quen se conforma co estritamente preciso para vivir, permitindo que os demais teñan tamén acceso a ese mínimo imprescindible. A avaricia dos que o queren todo, a calquera prezo e sen miramentos, é unha perigosa enfermidade psíquica e espiritual que prexudica seriamente a vida social e debería ser tratada convenientemente. Ben sei que esta proposta pouco máis é que unha quimera, pois, nunha sociedade radicalmente materialista como a nosa, o diñeiro e o poder aparentan case omnipotentes.

Se algo aprendín desta pandemia, lonxe, aínda hoxe, de estar controlada, é que as cousas máis importantes da vida se resolven mellor con solidariedade que con diñeiro ou poder. O diñeiro e o poder, mesmo que os praceres da vida, non son en si mesmos malos nin bos ata que as persoas non sobrepasen unha medida ou traspasen unha fronteira a partir da cal queda ao descuberto a súa perigosa enfermidade mental que están a padecer. 

A solidariedade é para min unha forma de compaixón e de amor por todo o que existe. Tamén a ciencia moderna descubriu que o amor é así mesmo unha "cuestión evolutiva" (G.E. Vaillant), que é como dicir unha expresión de madurez humana. O amor simple dos demais mamíferos, en cambio, é unha maneira instintiva de protexer o que se considera unha posesión, unha propiedade inalienable máis que unha postura mental e emotivamente mantida de "facer polos demais o que nos gustaría que eles fixesen por nós".

É verdade que a longa loita competitiva establecida entre as persoas no mundo do traballo, da profesión, da vida social etc. nos impide a miúdo experimentar as vantaxes do amor e a solidariedade ata volverse case imposible a súa rectificación. Eu esquecera, na práctica diaria, que as capacidades das persoas son tan limitadas como a súa vida biolóxica, con data de caducidade incluída, aínda que incerta, e que limitadas son tamén as dimensións do espazo e do tempo nos que transcorre a nosa vida terrestre. Por iso, nesta derradeira e definitiva etapa da vida, busco con afán o Reino ese que promete o Mestre, esa dimensión na que non haxa nada xa que conquistar nin desexar nin lamentar, mais só desfrutar do Amor e agradecer sen fin, xa sen tempo nin espazo que limiten.

Comentarios