Opinión

A alternativa

Mann vive só nunha casiña de aluguer e, aos seus setenta y poucos anos, recoñece, como filólogo, que o Evanxeo é un libro único.

"Esquécese a miúdo -díxome un día- que a Boa Noticia de Xesús de Nazaret, evangelion en grego, é que se instaura neste mundo o Reino de Deus para quen queira entrar nel. Os reis e os poderosos de sempre deixan de ser exclusivos, inevitables; pódese prescindir xa do seu poder, da súa filosofía violenta, depredadora. Os pobres temos, por fin, unha alternativa".

Paso a miúdo pola casiña de Mann. Aledámonos de nos ver e tomamos a infusión de sempre mentres falamos a carón da estufa de ferro que permite ver e sentir a calor amorosa do lume a través do cristal da súa portiña.

Entre os poucos libros esenciais que aínda conserva reparei un día en El Quijote na versión crítica de peto dunha coñecida editorial. 

-Vexo que lee vostede o Quixote -díxenlle. -Leo- contestoume. Cervantes, que probablemente coñecía a obra de Erasmo, no seu tempo prohibida, buscaba tamén o cristianismo auténtico, o orixinal, o dos evanxelistas e primeiros seguidores de Xesús, tan afastado dos intereses mundanos da xerarquía da igrexa monárquica posterior. E iso refléxase na súa literatura, tamén no Quixote.

Mentres falaba, Mann movíase pola cociña para dispoñer as cuncas e as culleriñas para o mel que adozaba a infusión. Sentou logo e remexeu a súa infusión que fumeaba mentres me miraba tranquilo e observador. Volvín preguntarlle:

-¿Como definiría vostede aos cristiáns actuais?

-Unha definición xeral dos que chamamos cristiáns resulta difícil, pois entre os números da estatística e a realidade non hai moita coincidencia. O primeiro que dixo Xesús foi que, para seguilo, era preciso cambiar de mentalidade, rexeitar o modo de pensar tradicional, e crer na Boa Noticia, porque, crer na Boa Noticia, xa é pensar doutra maneira. A estatística, en cambio, fíxase nas persoas que foron bautizadas, mentres que a realidade demostra que a maioría desas persoas son alleas á vida cristiá.

-¿Que quere dicir que son alleas -insistín-: que non gardan as normas da igrexa, que non frecuentan os sacramentos, que non cumpren coas obrigacións tradicionais?

Mann levou a cunca aos beizos e chascou con eles tras beber un chisco. Desfrutaba da calor e da dozura da infusión. Pousou de novo a cunca pausadamente, quedou un anaco mirando para ela e foi respondendo coma se estivera lendo dentro:

-O bautismo, outrora inmersión, semella un carné de socio dunha ONG na que o seu titular apenas mantén interese algún pola institución, excepto se é crego ou relixioso. Mais o cristianismo non é unha institución relixiosa. Xesús dixera unha vez de si mesmo que era o camiño, a verdade e a vida e que os seus seguidores non tiñan outro pai que Deus, nin máis mestres que el, nin precisaban xa de templos feitos por man humana. E xa ves cantos templos e cantos hai, dentro da igrexa, que se fan chamar mestres e pais.

Levantouse lentamente do asento e dirixiuse á xanela desde a que se divisaba a incesante liña recta do mar detrás mesmo das casiñas. Sen volver a cabeza continuou: 

-Tódalas relixións do mundo xorden da necesidade humana de religar, volver ligar, de conectar co Ser transcendente que intúe por encima dos seres humanos e que dá sentido á existencia toda.

De costas agora á fiestra e apoiándose no seu peitoril, proseguiu:

-Os verdadeiros relixiosos non son os intermediarios entre os seres humanos e a divindade, senón os que practican o amor incondicional a Deus e a tódalas criaturas feitas por El.

Mentres se afastaba da fiestra, continuou:

-Polo tanto non está tanto a cuestión en que tipo de relixión, senón en vivir consecuentemente os principios que elas propagan. A fin de contas, o Deus é sempre o mesmo en todas elas.

Despois de parar a mirada algúns instantes sobre o libro de Cervantes, volveuse cara a min e, con un suave sorriso, concluíu:

-É preciso volver ás orixes da Boa Noticia, nacer de novo, como dicía El. Precisamos un Renacemento.

O inmenso mar do atardecer alá abaixo formulaba máis preguntas que respostas daba. Haberá, de seguro, máis sesións con infusión e lume na casiña de Mann.

Comentarios