Opinión

Razóns para non facer un Parador de Turismo no núcleo monumental do Castelo de Monterrei

O núcleo monumental do Castelo de Monterrei está formado pola Torre de Don Sancho, a Igrexa, o Palacio dos Condes,  a casa Reitoral  e o Patio de Armas.  Este núcleo é a esencia do recinto do Castelo e o que caracteriza a fortaleza. Dado o seu carácter de Praza Pública  —Monterrei é como unha pequena cidade— si se altera o seu uso público,transformando o núcleo monumental nun hotel, todo o conxunto se vería desnaturalizadoe perdería o seu carácter.

O núcleo monumental do Castelo de Monterrei está formado pola Torre de Don Sancho, a Igrexa, o Palacio dos Condes,  a casa Reitoral  e o Patio de Armas.  Este núcleo é a esencia do recinto do Castelo e o que caracteriza a fortaleza. Dado o seu carácter de Praza Pública  —Monterrei é como unha pequena cidade— si se altera o seu uso público,transformando o núcleo monumental nun hotel, todo o conxunto se vería desnaturalizadoe perdería o seu carácter.

Non é o mesmo que dentro do recinto da fortaleza—fóra do núcleo monumental— poida existir un hotel, que estaría ben, que dedicar o corazón da fortaleza a uso hoteleiro practicamente na súa totalidade. Para este uso existen edificacións que se poden rehabilitar fóra do núcleo monumental e tamén terreos baleiros dentro da fortaleza. Se o conxunto se formou a través dos séculos, por que no século XXI non pode facerse unha achega  arquitectónica á fortaleza que contribúa a engrandecer o seu patrimonio en lugar de actuar desnaturalizando a súa esencia? Existen moitas intervencións no patrimonio nacional nesa liña, como pode ser o caso de Olivenza e  o de Alburquerque, entre outros.

"Se o conxunto se formou a través dos séculos, por que no século XXI non pode facerse unha achega  arquitectónica á fortaleza que contribúa a engrandecer o seu patrimonio en lugar de actuar desnaturalizando a súa esencia?"

A introdución do uso hoteleiro no núcleo monumental é una acción excluínte, non é posíbel manter o carácter de praza pública e será imposíbel realizar calquera tipo de actividade cultural ou social. Sinxelamente, porque non quedaría ningunha edificación para albergala. Tanto a  actividade social como  cultural  desaparecerían ou quedarían relegadas a un segundo plano contradicindo o espírito da Lei de Patrimonio. O obxectivo último desta lei, como se di no preámbulo da mesma é que cada vez un número maior de cidadáns poida contemplar e gozar das obras que son herdade da capacidade colectiva dun pobo. Os bens deben ser postos ao servizo da colectividade no convencemento de que co seu goce se facilita o acceso á cultura e que esta é o camiño cara a liberdade dos pobos.

A Fortaleza de Monterrei foi obxecto de cesión gratuíta polo Estado Español á Comunidade Autónoma de Galicia. Este tipo de cesións están reguladas pola Lei de Patrimonio das Administracións Públicas, que no su art. 145,  referíndose ás cesións gratuítas, di que estas solo se poderán facer en base á Utilidade Pública e Interese Social que se definirá no acordo de cesión. Así foi coma se fixo na cesión de 2010. 
Agora preténdese cambiar o acordo de cesión para introducir o uso hoteleiro e, en concreto, para un Parador de Turismo.  O concepto de Utilidade Pública e interese social,aínda que é bastante aberto, non o é tanto como para facer un hotel á beira doutro que non funciona.

É certo que hai máis Paradores localizados en Castelos, e que foron un éxito, tanto a nivel patrimonial como económico, contribuíndo como motor á restauración e rehabilitación dos mesmos. Esta rendibilidade é debida a varios factores: a localización xeográfica, a súa inclusión en circuítos turísticos de alta densidade, etc, non só á súa implantación dentro dun edificio histórico. Mais no noso caso a rendibilidade económica e a afluencia de clientes de hotel non teñen a entidade para ser tidas en consideración —lembremos que o actual Parador de Monterrei é o máis deficitario do estado— e moito menos se as comparamos co detrimento que producen á rendibilidade social.

"Resulta difícil de crer que o establecemento teña a categoría de catro estrelas cando practicamente carece de ventás".

É lóxico  que o goberno  galego  confíe un investimento importante e unha restrición no uso público á única carta do atractivo que para algúns  poida  supor  hospedarse nun edificio histórico? E aínda no caso de que se confirmasen eses prognósticos, seria suficiente para servir de motor para a rehabilitación e posta en valor  do  conxunto? Desde un punto de vista máis xeneral, pódese tomar en serio a afirmación do goberno autonómico de que a actuación vai contribuír á dinamización económica da comarca? Creo que estes argumentos non son válidos para xustificar os feitos.

O novo uso proposto non é afortunado—non dubidamos da calidade do proxecto nin dos materiais a empregar—, pero resulta difícil de crer que o establecemento teña a categoría de catro estrelas cando practicamente carece de ventás. Chama poderosamente a atención o feito de que se proxecte unha actuación “reversíbel”, é dicir, que se poida desfacer sen danar o edificio, o que nos dá unha idea da ilusión e expectativas de futuro con que a Xunta de Galicia acomete as obras.

"Faise necesario establecer unha liña de diálogo entre todos e empezar de cero, sen prexuízos de ningunha parte, para alcanzar una solución que satisfaga, legal e socialmente,os intereses dos cidadáns". 

Ademais, a adaptación do Palacio dos Condes e da Casa Reitoral para un Parador de Turismo é un acto autoritario, que se intentará encubrir dentro da máis estrita legalidade, como ocorreu sempre. Os informes emitidos pola administración, tan escrupulosos cando se trata do asunto dun cidadán de a pé,  convértense en laxos e faltos de criterio cando se trata de actuacións para xustificar os despropósitos dos propios gobernantes. Ata o momento redactáronse proxectos para obras que non se poden facer, segundo o Convenio de Cesión vixente. Tamén seutilizaron fondos da Comunidade Europea, aparentemente de forma correcta, pero si se instala finalmente un Parador incumpriríase e Regulamento da CE, especialmente si se destinan a unha empresa pública xa que o investimento daríalle unha posición de vantaxe fronte a outros competidores na mesma actividade. E, finalmente,preténdese cambiar o Convenio de Cesión vixente para legalizar a situación en base a que Paradores é unha empresa de Utilidade Pública e Interese social  sen dicir que o que se pretende facer é  privatizar a Empresa e todo o que leva consigo.

Cremos que o Goberno Autonómico debe escoitar a opinión dos cidadáns, non só polo inaudito da súa reacción —ningún asunto público causou tanto rexeitamento nos últimos tempos na comarca e no resto do país— que xa sería suficiente, senón tamén polo propio fondo do problema que eles orixinaron.

Faise necesario establecer unha liña de diálogo entre todos e empezar de cero, sen prexuízos de ningunha parte, para alcanzar una solución que satisfaga, legal e socialmente,os intereses dos cidadáns. O Castelo de Monterrei tivo preitos que duraron máis de cen anos, pode que sexa a súa vocación natural, pero non é a máis desexábel para dar unha resposta —improrrogábel— aos problemas actuais da comarca.

Comentarios