Opinión

Sic transit gloria mundi

Para os atribulados ideólogos do centralismo e do réxime vixente, a morte de Adolfo Suárez foi vista como unha oportunidade para crear un clima social de adhesión á monarquía e a configuración actual do estado saído da transición, nun momento de profundo descrédito e crise de ambas.

Para os atribulados ideólogos do centralismo e do réxime vixente, a morte de Adolfo Suárez foi vista como unha oportunidade para crear un clima social de adhesión á monarquía e a configuración actual do estado saído da transición, nun momento de profundo descrédito e crise de ambas.

"Para os atribulados ideólogos do centralismo e do réxime vixente, a morte de Adolfo Suárez foi vista como unha oportunidade para crear un clima social de adhesión á monarquía e a configuración actual do estado saído da transición, nun momento de profundo descrédito e crise de ambas".

Os mesmos sectores sociais e políticos beneficiarios do réxime franquista que nunca aceptaron perder os seus privilexios, nin renunciaron a unha visión provinciana e centralista do estado son os que agora conspiran a diario para levar adiante o proceso neocentralista. A dereita económica, a monarquía e o núcleo de poder que acubillan nas  institucións do estado, acompañados por unha pseudoesquerda jacobina e, no fondo, cada vez máis conservadora, están empeñados en aproveitar a crise económica para desmantelar conquistas, meter en cintura os nacionalismos e reverter mesmo a descentralización levada a cabo co modelo autonómico.

O problema é que a crise económica serve de desculpa para ese proceso só até un certo ponto. O discurso que tenta desacreditar os nacionalismos ou as autonomías ten un certo recorrido pero, a pesares do despregue masivo dos medios de creación de opinión capitalinos, choca co apego que espertan as institucións que xestionan os servizos públicos básicos en proximidade e, nas nacións, cunhas aspiracións soberanistas crecentes. E, sobre todo, o discurso neocentralista choca de cheo cun problema de lexitimidade: a voracidade indisimulada dese Madrid sumidoiro de todos os recursos e enerxías do estado, xunto coa corrupción masiva e obscena da monarquía e da elite política do estado entregada ao movemento continuo das portas xiratorias e o financiamento ilegal dos grandes partidos sistémicos, como pon á luz do día os casos Gürtel, Bárcenas e tantos outros.

Nese contexto de crise de lexitimidade para ese proceso centralista e reaccionario, a morte de Suárez e a súa reinvención mitificadora, foi visto como unha oportunidade ou unha baza para darlle novos folgos ou nova cobertura a esa estratexia de alcance. Os mesmos sectores que o puxeron á fronte do proceso de transición embridado, os mesmos que foron marcando as liñas vermellas dos cambios aceptábeis, os mesmos que o arrombaron cando consideraron que xa non lles era útil ou suficientemente dócil, son os mesmos que seguen tamén agora termando das rédeas da involución. Son eses os que botan man do falecemento dun Suárez esquecido –como fan cos mundiais de futbol, catástrofes, etc- para desencadear un fenómeno sico-político de amnesia selectiva e de avivamento do fervor patriótico unitario, sempre a maior gloria do monarca.

"Os que sempre estivemos na oposición a aquela transición que poñía couto ás nosas aspiracións democráticas e nacionais temos que desvendar toda tentativa de canonización e con especial motivo cando é usada para dar cobertura a unha profunda regresión do camiño andado".

Os que aínda sendo novos nos criamos loitando nas rúas contra a limitación de dereitos, contra a persecución de ideas, contra os Pactos da Moncloa que desvalorizaron os salarios, contra ducias e ducias de políticas impopulares, contra a prolongada ilegalización das organizacións nacionalistas, contra a ilegalización de organizacións estudantís e mesmo de asociacións xuvenís, nunca poderiamos sentirnos satisfeitos con aquela transición. Como botón de mostra baste dicir que algúns fomos condenados xudicialmente a altura de 1981 por “edición e difusión de folletos clandestinos”, polo que era un simple boletín dunha asociación xuvenil. Aquela transición tutelada polo exército e a embaixada americana deixounos unha monarquía inviolábel, un artigo dous da constitución que nega as nacións e un artigo oito que referenda a tutela militar, unha lei de amnistia que impide perseguir os crimes do franquismo e a recuperación plena da memoria e dignidade das vítimas, etc,etc. A elite económica creada polo franquismo prolongou tranquilamente o seu dominio, controlando os sectores clave do país, e prolongou tamén o seu modelo de capitalismo cutre, rendista e especulativo.

Aquela transición inmodélica permitiu avances incuestionábeis en moitos aspectos pero consolidou no tempo eivas estruturais que hoxe seguen aí. Eivas que a actual crise e as reverdecidas ambicións da caverna centralista e conservadora colocan con total acuidade nun primeiro plano. Por iso os que sempre estivemos na oposición a aquela transición que poñía couto ás nosas aspiracións democráticas e nacionais temos que desvendar toda tentativa de canonización e con especial motivo cando é usada para dar cobertura a unha profunda regresión do camiño andado.

Entre as eivas citadas hai unha que adquire especial relevancia nos nosos días: os pobos e nacións que hoxe conforman o estado español vense privados dun recoñecemento pleno dos seus dereitos como tais e están permanentemente expostos ás decisións e á vontade recentralizadora do estado central. As ferramentas propias para o desenvolvemento das capacidades produtivas e o progreso das persoas na propia terra vense radicalmete desactivadas. A negación cerril do dereito de libre decisión constitúe un freo á expresión democrática da vontade popular que quedou blindado na Constitución do 78. Asunto que, por certo, non preocupou moito daquela a certa esquerda –coma o PSOE e ou o PCE- que participara entusiasta no “consenso” e que parece seguir sen preocuparlle hoxendía.

"O centralismo xa tivo o seu momento de gloria. Xa non é tempo de ataduras e bridas, é tempo de pobos libres que deciden por si a forma de relacionarse cos demais pobos do mundo". 

Por iso, os nacionalistas somos especialmente conscientes do profundo déficit democrático da chamada transición española. Por iso tamén somos especialmente sensíbeis a esta tentativa de instrumentalizar o falecemento de Suárez para voltar a reconstruír un discurso lexitimador desta realidade institucional eivada que desde aquela padecemos.

E isto resulta especialmente obsceno si é levado acabo por aqueles que no seu día condenaron ao propio Suárez ao ostracismo político porque xa non respondía con docilidade ao proxecto político da monarquía e das elites económicas internas e dos propios Estados Unidos. Cando aquel presidente afirma que a súa lexitimidade ven das urnas e non da herdanza de sangue, cando se abraza a Arafat, Olof Palme ou Fidel Castro, cando di que “non hai presa” por entrar na OTAN, etc deixa de ser un simple monicreque como lle asignaran ser desde o principio -papel que como home ambicioso cumprira sen grandes sobresaltos- e empeza a resultar “prescindíbel” e empeza a argallarse a fallida solución Armada. Pronto pasou a ser “un ninguén” politicamente, esquecido e mesmo desprezado pola dereita cerril que se recompón ao redor do PP de Fraga. 

Suárez probou como calquera mortal a vixencia daquel dito da curia que lle recorda a todo papa “sic transit gloria mundi”. Coa súa “gloria extramundi” dos panexiristas intereseiros pasará o mesmo, sobre todo porque a profundidade da desfeita económica, social e institucional non se pode tapar con placebo algún. E os que despois de morto poñen a Suárez dacabalo da “babieca” esfarrapada que é o neocentralismo, empuñando a “tizona” oxidada que é a monarquía, deberían recordar aquilo de “de te fabula narratur”. Tamén a estes se lles aplica iso de que “así pasa a gloria do mundo”. O centralismo xa tivo o seu momento de gloria. Xa non é tempo de ataduras e bridas, é tempo de pobos libres que deciden por si a forma de relacionarse cos demais pobos do mundo. 

Comentarios