Opinión

No Día da Galiza Mártir en Pontevedra

No dia de hoxe, como vimos facendo dende 1942 alá onde podemos, xuntámonos aquí os homes e mulleres demócratas e patriotas, os que temos Memoria, para render merecida homenaxe aos nosos mártires do 36. Ao compañeiro Alexandre que caeu na Caeira atravesado polas balas asasinas dos fascistas tal dia como hoxe. Pero con el rendemos homenaxe e memoria aos perto de 5.000 de galegos e galegas, demócratas, republicanos, nacionalistas que caeron asasinados naqueles meses e anos vítimas da barbarie fascista e españolista. 

"Ti eres lume vivo, acesa chama,
roita irreversíbel de futuro;
potente trebón que berra e crama,
home do pobo, asoballado e puro!"
 (Manuel María)

No dia de hoxe, como vimos facendo dende 1942 alá onde podemos, xuntámonos aquí os homes e mulleres demócratas e patriotas, os que temos Memoria, para render merecida homenaxe aos nosos mártires do 36. Ao compañeiro Alexandre que caeu na Caeira atravesado polas balas asasinas dos fascistas tal dia como hoxe. Pero con el rendemos homenaxe e memoria aos perto de 5.000 de galegos e galegas, demócratas, republicanos, nacionalistas que caeron asasinados naqueles meses e anos vítimas da barbarie fascista e españolista. 

"Temos que estar aquí tamén porque o espírito daqueles fascistas segue estando aí. A dereita cavernícola e centralista segue estando aí"

Todos eles e elas foron heróis que deron a súa vida nesa loita eterna contra a opresión, pola liberdade e pola xustiza.

Rendemos homenaxe tamén aos que pegaron cos seus osos no exilio, dos que algúns como Castelao foron os artífices da reivindicación da súa memoria, a empezar por esa impresionante triloxía constituída polas estampas da Galiza Mártir, Atila en Galiza e Milicianos.

Pero rendemos homenaxe tamén aos milleiros de homes e mulleres que caeron presos, padeceron torturas e persecución de por vida, pero sobreviviron aquí e adicaron a súa vida a loita pola liberdade, pola xustiza e pola dignidade. Do País e das persoas.

Estamos aquí porque temos Memoria, porque temos motivos para ter memoria, porque temos xentes como Alexandre que foron e son exemplo inspirador, fermento vivificante para construír un futuro diferente, con Galiza e o pobo galego como eixo e norte das nosas vidas.

Temos que estar aquí tamén porque o espírito daqueles fascistas segue estando aí. A dereita cavernícola e centralista segue estando aí. Cando escoitamos ao animal do Alcalde de do PP de Baralla -habería que dicir cabalo de bastos ou sota da bastos da baralla- ben sabemos que non é un verso solto, mellor dito, non é un carneiro solto. É o ego profundo da dereita española, tan ben representada no noso país. Non é que a dereita fascista volva agora, co cabalo de bastos de Baralla á fronte. Non, esa dereita pásalle como ao dinosaurio de Augusto Monterroso, sempre estivo aí, agochada. Cando non lle queda máis remedio disimula pero levan a besta dentro. 

"Xogan á democracia porque é o que toca pero xa sabemos que os seus principios rematan cando se pon en perigo o seu poder. Non hai reparos en pasar por riba de quen estorbe e pisar aos inimigos"

Aí temos tamén o Alcalde de Cedeira que despois de erguer monolitos a Franco, agora cede gratuitamente o albergue municipal aos falanxistas da OJE. Pero aí están as cesións de Feijóo de residencias de terceira idade ou escolas infantís a sectas católicas integristas e reaccionarias; ou reforzando con recursos públicos os seus colexios privados, doutrinarios e que mesmo segregan por sexo incumprindo sentenzas xudiciais. Ou volvendo meter o adoutrinamento sectario e españolizador no currículo educativo, como pretende a ultra-reaccionaria lei Wert.

Aí están 21 as licencias de FM que a Xunta de Feijóo ven de outorgar o pasado 14 de Agosto á COPE, Intereconomía e Libertad Digital e outro medio cento a empresas amigas do PP.

Xogan á democracia porque é o que toca pero xa sabemos que os seus principios rematan cando se pon en perigo o seu poder. Non hai reparos en pasar por riba de quen estorbe e pisar aos inimigos. O caso é o poder, o caso é manter os privilexios, o caso é que haxa negocio para os seus, o caso é manter a raia os que non se someten ao seu molde. Por iso non podemos baixar a garda, amigo e amigas, hai que estar sempre alerta fronte á dereita antidemocrática e españolista. Por iso temos que saber que o que pasou con Bóveda, o que pasou no 36, foi tan só a versión extrema dunha dereita que está permanentemente parapetada detrás do poder e disposta a sacar as gadoupas sempre que faga falta.

Hoxe a forma é outra. A corrupción estrutural e sistemática é a nova forma de exercer a dominación. Un golpe de estado permanente que secuestra a democracia. Máis alá das corruptelas e sobresoldos dos mercenarios servís, o pior desa corrupción é o proxecto que hai detrás. O realmente grave é que con esa ferramenta a plutocracia centralista garante o control do orzamento público e do BOE. Da cobertura mediática xa se encargan eles directamente. 

"Ese lobby que está detrás de Bárcenas-Aznar-Rajoy-Feijóo encarna un perigoso capitalismo de rapina pero tamén ten unha xeografía. É o lobby madrileño, o palco do Bernabéu"

Da igual o que o PP ou PSOE prometan aos seus electores nas mascaradas das campañas electorais.

Xa sabemos que ao día seguinte gobernan e lexislan para o lobby que manexa os fíos. Menten, menten con tal cinismo e obscenidade que un xa non sabe se é pior a corrupción agochada ou a mentira evidente. Esa mentira sostida con obscenidade é unha humillación para toda a cidadanía. Pero está feita desde a convicción de que, como dicía Michel Foucault, non existe verdade á marxe do poder. Creen que poden impoñer a súa mentira como verdade. Pero, amigos e amigas, non llelo imos permitir!!. 

Ese lobby que está detrás de Bárcenas-Aznar-Rajoy-Feijóo encarna un perigoso capitalismo de rapina pero tamén ten unha xeografía. É o lobby madrileño, o palco do Bernabéu, que para mellor controlar todo acabou impoñendo ese radical proceso de recentralización política, que é tamén centralización financeira e económica. Son unha ameaza para o futuro do noso país. Están a piques de acabar co noso sistema financeiro e de estrangular a nosa economía produtiva. 

Amigos e amigas de Pontevedra, corrupción e centralismo é o que está detrás do interminábel “culebrón” de ENCE. O PP disimulou sempre que puido pero nunca deixou de someterse aos intereses da pasteira. Tan só se agocha oportunistamente para conquistar o poder, logo o que fai é tirar a careta e lexisla desde Madrid para impoñer os intereses da pasteira. O que non poden defender diante da cara da xente impóñeno desde a distancia, parapetados detrás do BOE centralista. Pero non o imos consentir, nin desde Madrid nin desde a Xunta, entre todos e todas imos conquistar o ar para os cidadáns, para a saúde e a Ría para o marisqueo e o lecer. 

Compañeiras e compañeiros,

Estamos aquí porque somos un pobo con historia, un nacionalismo con fachos como Bóveda e Castelao que nos seguen iluminando.

Sabemos que cos vímbios da Memoria podemos erguer a Patria que queremos.  

Non podemos esquecer nunca as verbas de Castelao en 1947 cando cruzaba o Atlántico no Paquebote Campana cara o seu exilio definitivo:

"Nos moitos cimeterios de Galiza, dormen os derradeiros mártires da Libertade, en número incontable. A miña imaxinación veu unha fogueira en cada cimeterio, como outros tantos clamores de xustiza. Pero no de Pontevedra veu unha labarada que chegaba até o ceo. Era o lume do esprito de Bóveda que non figura na Santa Compaña dos inmortaes,  porque non pertenece a Historia senon a Tradición en arume de lenda. Bóveda terá de ser nun mañán próisimo ou lonxano, a bandeira da nosa Redención".

Verbas semellantes lle adicou tamén no seu Alba de Gloria e, efectivamente, hoxe Bóveda volta ser “bandeira da nosa redención”. Bóveda e Castelao son os fachos que alumean o noso camiño no medio das tribulacións, como as que hoxe parecen abanear as certezas dunha parte da familia nacionalista .

Bóveda era corazón e intelixencia dun proxecto que revive a cada paso con nós, como moi ben dicía tamén Castelao nas páxinas d’A Nosa Terra en 1942:

"Os que mataron a Bóveda mataron unha Galiza chea de luz, pero nós crearemos outra nova e entón o mártir revivirá". 

"Corrupción e centralismo é o que está detrás do interminábel “culebrón” de ENCE. O PP disimulou sempre que puido pero nunca deixou de someterse aos intereses da pasteira"

De feito, eu podo imaxinar a Bóveda paseando hoxe sen pestanexar con Amalia polos soportais da Ferrería e as rúas peonís da Boa Vila, recuperada e primorosamente coidada para os viciños e viciñas polos compañeiros Lores, Mosquera, Anxos, Carme, Raimundo, Bará,  Guillerme e todos os demais.

Aínda podo entrever a Alexandre debatendo dos grandes problemas do país con Daniel Castelao ou con Valentín Paz Andrade e vexo que todo o que din vibra cunha sorprendente e rechamante actualidade nos xornais dos nosos días:

-a crise financeira do capitalismo liberal, naqueles anos 30 coma hoxe
-a necesidade de Caixas e de Banca Pública, daquela o mesmo que hoxe
-a necesidade dunha facenda galega para acabar co espolio, daquela o mesmo que hoxe
-a necesidade dunha fiscalidade directa progresiva e non impostos indirectos inxustos, daquela coma hoxe 
-da “separación da débeda pública, para que Galiza non tivese que pagar a contraída en beneficio doutros e moitas veces con perxuizo noso”, parece escrito hoxe mesmo! 
-ou falar do centralismo carpetovetónico dos Lerroux-Gil Robles-Calvo Sotelo transmutados hoxe en Rosa Díez, Aznar, Aguirre ou Rajoy, sempre nas mesmas!, daquela coma hoxe
-ou argumentar a necesidade dun estado galego, daquela coma hoxe
-ou falar da necesidade da autoorganización política, das forzas políticas propias, da traizón continua dos autoproclamados federalistas, daquela coma hoxe
-ou da necesaria unidade dos nacionalistas, que con tesón e altura de miras cultivou arreo e que tamén hoxe compre recuperar 
-ou coidando até o detalle da organización diaria do partido para garantir unha presenza nutrida en todo o país, en todas as comarcas. Daquela coma hoxe, camarada Bieito, compañeira Goretti.

Si compañeiros e compañeiras, a súa axenda de entón é a nosa axenda de hoxe. Tres cuartos de século e seguimos dando voltas aos mesmos asuntos, pero tamén segue aceso o mesmo espírito. Non é o eterno retorno, é a dialéctica da historia que nos fai confrontar de xeito recorrente os mesmos grandes problemas, aínda que sexa baixo roupaxes lixeiramente descoloridos ou repintados.

"Alexandre podería resucitar e continuar a conversa case no mesmo punto onde a deixou".

Alexandre podería resucitar e continuar a conversa case no mesmo punto onde a deixou. Desde logo podería entender perfectamente os vectores de fondo das nosas anguerias actuais, os nosos debates neste momento crítico e dramático para o país. Porque os problemas de fondo aos que tanto esforzo adicou seguen situados nas mesmas dicotomías onde el as deixou:
-finanzas especulativas ou economía produtiva
-tributos espoliadores e inxustos ou progresivos e xustos
-monarquía/república unitaria española ou estado galego e república federal ibérica 
-centralismo ou goberno propio
-sucursalismo ou forzas políticas propias.

Pois ben, compañeiros e compañeiras, nós temos hoxe unha tarefa, temos unha misión: completar a titánica obra comezada por Bóveda e Castelao, construír un estado para esta nazón.

Para facelo temos que ir paso a paso:

-espallar o seu, o noso, ideario emancipador
-organizar, organizar a todas e todos os nacionalistas 
-xuntar con xenerosidade a todo o mundo
-confiar nas nosas forzas, nas forzas propias, confiar no pobo galego
-ir casa por casa, precisamos medio millón de galegos e galegas que confíen en nós

A grande diferenza a respeito daqueles anos e da angueira que consumiu os días de Bóveda e Castelao é que hoxe temos aquilo polo que eles batallaron de xeito táctico: Estatuto e institucións de autogoberno. 
Loitar por conseguir aquel obxectivo táctico -como el insistía en chamar, táctico-  xustificou todos os seus movementos e alianzas naquel lustro republicano. Coa ORGA de Casares Quiroga, con Portela Valladares e desde logo a alianza electoral coa Frente Popular no 36. Había que conseguir o Estatuto e o Parlamento galego como fose.

Hoxe temos esas institucións. Son coma cascas baleiras, é certo, cada vez máis ensumidas e sen vida, pero están aí.

Están sendo inutilizadas e destruídas polos seus ocupantes, mercenarios servidores do radicalismo centralista madrileño. 

Pero están aí. Hai que conquistalas, conquistalas para convertelas no xermolo do noso estado. Ese é o noso obxectivo táctico hoxendía. Como fan os escoces co Holyrood ou os cataláns co seu Parlament. Para iso precisamos gañar a confianza da maioría dos galegos e galegas. E para avanzar nesa dirección precisamos xuntar as forzas de todos os nacionalistas que queiran de verdade construír o novo estado, para situármonos no mundo e en Europa.

Para esa tarefa precisamos as nosas forzas. Todas. Pero non precisamos reforzar as forzas españolas. Non podemos voltar oitenta e dous anos atrás. Non podemos traizoar a Bóveda, a Castelao e todos os que deron o paso definitivo cara a autoorganización.

O que hai que conseguir non se vai conseguir en Madrid, hai que conquistalo aquí. Non é cuestión de amainar o españolismo da esquerda española e convencela das bondades do federalismo, porque nin os españois van aceptar ser federais, máis que como vía de consolidación e reforzamento do estado central -que niso consiste o federalismo de UPyD, PSOE e IU- nin iso nos resolve o noso problema. O que precisamos é gañar no noso territorio. Para iso hai que gañar a xente, precisamos medio millón que entendan a soberanía.

"Nós non imos errar o tiro, alá eles co seu Borbón, o noso obxectivo é romper o centralismo, sexa monárquico ou republicano".

Por iso hai que sumar forzas e gañar as conciencias. Por iso estamos comprometidos co movemento estratéxico multicor Galiza pola Soberanía. Vencer o pertinaz discurso hexemonista do centralismo é algo que non se consegue sen esforzo activo e perseverante. Non abonda con proclamar o respecto á libre determinación, hai que sachar a intelixencia colectiva todos os dias. Hai que converter a soberanía no sentido común da solución aos problemas económicos e sociais. 
A soberanía como condición para construír unha sociedade mellor, para poder poñer en marcha políticas progresistas e de clase.

Algúns agora buscan no republicanismo e a ruptura da monarquía o novo santo grial do radicalismo inocuo. Benvidos sexan ao republicanismo os que un día fixeron da Constitución monárquica do 78 o seu catecismo. 

Repito, benvidos! Pero que ninguén se confunda, que ninguén pretenda reducir a crise institucional e territorial do estado español a unha cuestión de monarquía ou república.

Nós non imos errar o tiro, alá eles co seu Borbón, o noso obxectivo é romper o centralismo, sexa monárquico ou republicano.

Tampouco os escoceses, flamengos, cataláns ou vascos confunden o albo principal.

"Debaixo desta gran crise están redefiníndose as regras dun capitalismo voraz e as regras dunha orde territorial que está no antípodas dos intereses do noso país".

Compañeiros e compañeiras nacionalistas, que o discurso evanescente da ruptura do réxime non vaia en realidade actuar de mantra para a ruptura do nacionalismo.

Que ninguén se equivoque, debaixo desta gran crise están redefiníndose as regras dun capitalismo voraz e as regras dunha orde territorial que está no antípodas dos intereses do noso país. Como en todas as grandes crises do século XX, Madrid tivo poder e habelencia para ir impoñendo os seus intereses e así pasou de ser a alcoba dos borbóns a ser o sumidoiro de todas as enerxías peninsulares, como dicía Paz Andrade, metrópole das finanzas e dos servizos da península, hipertrofiada polo rendismo parasitario das privatizacións.

A soberanía non é un asunto só identitario –que tamén- senón que a soberanía é o único escenario no que se poderán adoptar políticas progresistas de clase.

Soberanía para romper cos mercados e rescatar a democracia secuestrada polos poderes económicos e os lobbys, recuperar o poder do pobo sobre a economía, para garantir un futuro con emprego e mellores condicións de vida para todos e todas. En definitiva, soberanía para defender as conquistas sociais.
Precisamos soberanía para acabar con ese capitalismo furtivo, de silveira, que estraga recursos, deixa destrucción e contaminación, que zuga as contas das familias e o orzamento público por todas as vías: xuros, concesións e contratos, pero que ademais, aínda por riba, non paga impostos. Ese capitalismo de vacacións fiscais permanentes, nos paraísos da evasión e a fraude consentida. Ese é o capitalismo financeiro, parasitario, rendista que arrasa coa nosa economía produtiva, o noso emprego e o noso benestar.

Amigos e amigas, este é un ano singular,

A catástrofe tráxica da chapuza tecnolóxica española roubounos 79 seres únicos e tinguiu de inmensa dor o noso Día da Patria. A chapuza colonial e corrupta estragou o Día da Patria, pero non minguou a nosa vontade patriótica, cargouna de 79 razóns máis para loitar por unha sociedade que prime o servizo público, a seguridade e o benestar fronte ao beneficio das empresas zugadoras do orzamento público.
Pero este ano tamén vai ser singular porque imos provocar un punto de inflexión na batalla contra o neoliberalismo da selva, contra a corrupción como sistema de goberno dos lobbys e contra a mentira como forma de dominar a sociedade.

"Cómpre erguer o país.Para comezar a andaina convocamos a todos os galegos e galegas a unha grande mobilización en Compostela o 15 de setembro". 

Estamos nunha situación límite e cómpre dicir basta, xa abonda. 

Cómpre erguer o país.

Para comezar a andaina convocamos a todos os galegos e galegas a unha grande mobilización en Compostela o 15 de setembro. 

Vai ser unha inmensa mobilización do pobo galego polo futuro, polo emprego, contra o espolio financeiro de NGB e do país, contra a corrupción, pola democracia e a soberanía.

Queremos eleccións anticipadas, en Galiza e no Estado Español, para rescatar a democracia secuestrada polos corruptos centralistas, para darlle a oportunidade á cidadanía de limpar as institucións, recuperar poder de decisión e enxergar políticas para saír da crise.

Vémonos o 15 de setembro en Compostela

Con Bóveda e Castelao sempre na Memoria,   

Viva Galiza Ceibe e Popular.

Discurso do Día de Galiza Mártir en Pontevedra, 17 de agosto de 2013

Comentarios