Opinión

Francisco Carballo, memoria de proxecto vivo

Estou seguro que neste intre o compañeiro e amigo Francisco Carballo esta ollándonos con ese sorriso beatífico tan característico, feliz de ver aquí xunta a tanta xente, diversa, que el quería e estimaba. 

Estou seguro que neste intre o compañeiro e amigo Francisco Carballo esta ollándonos con ese sorriso beatífico tan característico, feliz de ver aquí xunta a tanta xente, diversa, que el quería e estimaba. 

El foi toda a súa vida un bo e xeneroso, un santo laico, por iso estamos aquí rendéndolle unha merecida homenaxe de despedida.

El non gostaba da pompa nin do boato, por iso lle ofrecemos unha homenaxe sinxela, popular, dende o corazón. 

Non gostaba de gabanzas pero somo nós os que temos a necesidade de ofrecerlle este adeus de recoñecemento. Estou certo de que Carballo apreciaría este modesto acto de recoñecemento como proba de que o seu labor foi fértil, que a semente non caeu unas pedras senón no rego, como el mesmo dicía hai ben pouco.

"Moi axiña gañou sona de grande persoa e de compromiso social e patriótico. Diante dunha xeración de rapazada nacionalista, que era o que abundaba daquela, a figura dun Carballo feito e dereito sempre animaba e daba confianza. Nunca deixou de facelo".

Eu coñecín a Francisco Carballo alá polo ano 76 ou 77 en Vigo. El xa era un home feito e dereito, pasara daquela a barreira dos 50 e chegara a Vigo uns poucos anos antes. En realidade, iso soubeno xa andado o tempo, os dous chegamos a Vigo máis ou menos a un tempo, polo ano 73, el con 48 anos e eu con apenas 11. Chegou a Vigo despois duns anos en Barakaldo onde conviviu con outros curas obreiros e abertzales –o que de seguro marcou un punto de inflexión no seu compromiso- e despois dun paso como reitor dos Paules en Salamanca decidiu voltar a Terra para loitar ao lado dos seus, ao lado do seu pobo. Tamén neste derradeiro transo repetiu o mesmo camiño e aqui descansará para sempre, fundido para sempre co seu pobo, na súa memoria, na nosa memoria.

Coñecino nalgún dos moitos actos que se celebraban na Asociación Cultural de Vigo da que el foi presidente un tempo. Naqueles ciclos de conferencias sobre historia, política ou economía de Galiza. Tamén nas Asembleas da AN-PG que alí mesmo se celebraban. 

Aínda que levara só tres ou catro anos semellaba que estaba plenamente arraizado en Vigo e moi axiña gañou sona de grande persoa e de compromiso social e patriótico. Diante dunha xeración de rapazada nacionalista, que era o que abundaba daquela, a figura dun Carballo feito e dereito sempre animaba e daba confianza. Nunca deixou de facelo.

O compañeiro Francisco Carballo foi unha persoa de múltiples facetas: como cura, teólogo, profesor, historiador, editorialista e militante nacionalista.

Persoa de profundas conviccións, sempre mantivo lealdade ás súas raíces, populares e galegas. Viviu a súa fe como cristián de base, comprometido cos humildes, ao servizo do pobo oprimido, realizou unha creativa labor intelectual e unha intensa actividade cultural e política. 

A súa actividade intelectual, como teólogo progresista simpatizante da teoría da liberación ou como historiador estivo sempre ao servizo da concienciación popular, para proporcionar argumentos para a loita contra todo tipo de opresión e, en particular, contra a opresión nacional.

"Persoa de profundas conviccións, sempre mantivo lealdade ás súas raíces, populares e galegas. Viviu a súa fe como cristián de base, comprometido cos humildes, ao servizo do pobo oprimido, realizou unha creativa labor intelectual e unha intensa actividade cultural e política". 

A obra intelectual non era un mero exercicio académico ou para o conforto erudito. El entendíaa como parte da loita popular na teoría. 

A súa contribución máis importante foi no eido da historia. Carballo entendía que o seu labor era axudar a deconstruír a historia escrita desde arriba, polo poder. El deuse como tarefa destapar os relatos falsos do poder, sexa o poder da igrexa oficial, sexa o poder das clases dominantes ou sexa o relato das nacións opresoras, como é o caso da historia mitificada da España oficial.

Carballo investigaba e escribía a historia para facer pobo e para construír nación. Había que dar a coñecer a nosa historia e desmontar a historia escrita polos colonizadores.

Por iso desde moi cedo formou parte do Frente Cultural da AN-PG e desde aí impulsaría aquela mítica Historia de Galicia, editada en 1979 e que fora secuestrada, en plena “modélica” transición, e pola que Carballo foi procesado e condenado a 6 meses de prisión ou multa de 20.000 pesetas, por cualificar de “asasinato” o asasinato de Moncho Reboiras. Logo seguiría escribindo e animando esa “escola” da historia nacional liberada das servidumes do poder, quer político quer académico.

Toda a súa actividade era intencionalmente política, como Presidente da Asociación Cultural de Vigo, como conferencista, como promotor d’A Nosa Terra en 1977 e presidente da súa editora, como candidato ao senado polo BNPG en 1977, na fundación do BNG en 1982 no que militou até o último minuto, colaborando en todo o que se lle pediu, mesmo como candidato en diferentes convocatorias electorais.
   
Foi sempre un nacionalista comprometido, optimista, de visión ampla, de vocación unitaria e maioritaria, de principios firmes, inimigo de calquera sectarismo, sempre soubo escoitar e foi sempre un defensor do entendemento fronte ao diferencialismo estéril.

"Foi sempre un nacionalista comprometido, optimista, de visión ampla, de vocación unitaria e maioritaria, de principios firmes, inimigo de calquera sectarismo, sempre soubo escoitar e foi sempre un defensor do entendemento fronte ao diferencialismo estéril".

Quixera rematar co que creo son algunhas das súas últimas mensaxes políticas que nos deixou nalgunha das entrevistas do último ano e que están cheas de sabedoría e intencionalidade.

Nunha delas dicía Carballo, “o nacionalismo galego ten moitos inimigos. A crise debe ensinar que cómpre perseguir a unidade e esa unidade ten que vir non da ideoloxía senón dun proxecto. Cómpre sensatez, non cabe seguir na fantasía, hai que vivir na realidade e é aí onde ten que construírse a unidade. Hai que establecer uns mínimos e deixar de lado aquilo que nos diferenza, levar adiante un proxecto realista, práctico, para aumentar a masa social. Sobra ortodoxia e falta ortopraxe”

Iso si, el insistía moito “non se trata só de gañar uns votos senón que ten que haber un proxecto e uns puntos mínimos para a unidade: Galiza é unha nación; Galiza está subordinada; Galiza precisa romper esa subordinación; Galiza precisa producir; Galiza ten que cultivar unha cultura propia fronte ao individualismo”. 

Mellor condensado imposíbel.

Francisco Carballo, que viviu un século longo de grandes rupturas, grandes guerras, ditaduras, de progresos e devalos, e que foi até o último alento unha persoa moi informada e optimista, vía que estamos nun deses tempos de grandes cambios, tempos nos que cómpre esquecer o medo. 
Dicía nunha das súas últimas gravacións, dirixíndose sobre todo a xente máis nova:

 “Hai que crear outro mundo, é posíbel!
Galiza ten que liberarse porque está subordinada e escravizada. 
Os galegos están alimentados coas mentiras, coa falacia da indecencia. 
Vivimos un mundo detestable pero cheo de sementes de vitoria. 
Gañade colaboradores, non teñades medo, tede esperanza”

Hoxe somos todos carballistas. 

Grazas Paco por todo o que fixeches, nós seguiremos o teu exemplo e faremos o noso. Estarás para sempre na nosa memoria, na memoria do teu Pobo.
Beizón e gloria ao compañeiro Francisco Carballo. 

Maceda, 27 de decembro de 2014 

Xavier Vence

(Discurso lido na homenaxe a Francisco Carballo en Maceda)

Comentarios