Opinión

Escocia, Catalunya, Galiza: construíndo futuro

Unha pantasma recorre Europa: a vontade dos pobos de decidir por si propios. A vontade de romper as dependencias alleas.  De todas, tanto dos grandes poderes económicos e financieros como dos estados que son o seu instrumento.

Unha pantasma recorre Europa: a vontade dos pobos de decidir por si propios. A vontade de romper as dependencias alleas.  De todas, tanto dos grandes poderes económicos e financieros como dos estados que son o seu instrumento.

"Unha pantasma recorre Europa: a vontade dos pobos de decidir por si propios. A vontade de romper as dependencias alleas".

O movemento polo dereito a decidir está en 2014 no centro da axenda política en Europa, na UE e nos arredores.

En realidade, os últimos 25 anos foron anos de remuda completa do mapa europeo e o proceso segue en marcha.

Desde principios dos anos 90 crearonse en Europa uns 15 novos estados. Agora, con Escocia e Cataluña, é o momento da creación de novos estados dentro das propias fronteiras da UE. 

Cada proceso soberanista tivo o seu motor, as causas e as alianzas foron diferentes en cada caso, por veces mesmo a historia escribíuse con renglóns tortos, pero a realidade histórica, incontrovertíbel, está aí: 15 novos estados, en xeral pequenos e medianos, adornan hoxe o mapa europeo e están plenamente ogullosos e decididos a preservar os dereitos conquistados.

Ese proceso segue en marcha e é imparábel, porque hoxe máis e máis pobos en Europa queren tomar o futuro nas súas mans: Escocia, Cataluña, Euskadi, Flandres, Valonia, Córcega e tamén Galiza.

Somos pobos con historia e sentímonos non só maiores de idade para rexer os nosos destinos no mundo senón mesmo moito máis: sentimos que ou tomamos o futuro nas nosas mans, baixo a nosa propia responsabilidade, ou podemos vernos conducidos ao esmorecemento en mans de poderes alleos.

Queremos vencer o risco do esmorecemento cultural e dos nosos sinais de identidade colectiva pero tamén queremos conxurar o risco do esmorecemento económico e mesmo demográfico. 

"15 novos estados, en xeral pequenos e medianos, adornan hoxe o mapa europeo e están plenamente ogullosos e decididos a preservar os dereitos conquistados".

E, por suposto, temos plena vontade de impedir a perda de vigor democrático das nosas institucións como consecuencia da supeditación e dependencia a respeito de poderes alleos. Sabemos que o vigor democrático precisa de soberanía para que as decisións populares poidan efectivizarse realmente.

Hai un telón de fondo que explica o vigor da reivindicación soberanista e do dereito a decidir. 
A Globalización e os poderes neoliberais arrasan co sistema produtivo, destruen emprego e rompen os equilibrios básicos para soster os servizos públicos e o benestar.

Os grandes poderes económicos e financieros instrumentalizan as grandes institucións internacionais, o FMI, o BCE, a Comisión Europea e os grandes estados arrasando o sistema produtivo, o emprego e os recursos de países como o noso.

Os pobos que non nos resignamos ao esmorecemento provocado por esa globalización reaccionamos. Reacciona Escocia, Cataluña, Euskadi, Córcega, e reaccionamos Nós. E temos que reaxir con máis forza e con máis decisión que nunca. 

Esta crise obriga a reaxir con urxencia.

É o futuro vital como pobos o que está en xogo.

Os pobos con vontade de futuro reaccionan, reaximos.

Esa á razón do empuxe dos movementos soberanistas en toda Europa e agora en particular dentro da UE.

"Queremos vencer o risco do esmorecemento cultural e dos nosos sinais de identidade colectiva pero tamén queremos conxurar o risco do esmorecemento económico e mesmo demográfico". 

Esa vontade de non ser varridos pola galerna neoliberal ou por imperialismos egoistas é o que obriga aos pobos a constuír ferramentas para defenderse e xestionar os seus propios asuntos de xeito soberano. Curiosamente, iso que algúns estados da UE por veces promoven fóra das fronteiras UE non o aceptan nin respectan cando ocorre dentro.

Escocia e Catalunya son hoxe a vangarda nese movementos soberanista pero detrás van outros moitos: Euskadi, Flandres, Valonia, Córcega e, desde logo, irá Galiza. Porque Galiza non renuncia ao futuro.

O Estado español é un estado falido e hoxe cobran especial significado aquelas verbas de Castelao cando lles zoupaba aquilo de “sodes uns imperialistas fracasados”.

O Estado español nunca conseguiu os obxectivos de destruír os nosos sinais de identidade, nin a lingua nin a cultura, aínda que o intenta e ten aquí un exército de peóns mercenarios traballando arreo. Pero seguimos en pé, seguimos aí. Como di a canción de Mini e Mero “seguimos estando por aquí, sempre estamos por aquí”. As aspiracións do pobo seguen aí e o nacionalismo estamos aquí para facelas realidade.

A reacción centralista puxo en marcha un vasto e sistemático proceso de recentralización, do poder político e do económico, as dúas caras da mesma moeda. É unha reacción desesperada para seguir mantendo a hexemonía madrileña, a oligarquía española, que é esencialmente madrileña. Porque a oligarquía e a casta teñen unha xeografía, aínda que teñan ben esparexidos os seus emisarios e servidores.

"Escocia e Catalunya son hoxe a vangarda nese movementos soberanista pero detrás van outros moitos: Euskadi, Flandres, Valonia, Córcega e, desde logo, irá Galiza. Porque Galiza non renuncia ao futuro".

Pero iso xa non é tolerabel. Non podemos aceptar que todas as nosas enerxías vaian ao sumidoiro do burato negro madrileño. Non podemos aceptar o espolio do aforro e dos recursos, da enerxía; agora tamén o espolio fiscal para rescatar bancos, eléctricas, grandes concesionarias e construtoras. O último son eses 4.600 millóns do estado para rescatar o despropósito das autoestradas radiais madrileñas, ou os 3.600 millóns de creditos extraorzamentarios para defensa nos tres últimos anos. Estes días anda o goberno Rajoy preparando de tapadillo o rescate millonario do lobby madrileño de samesugas do orzamento público. Pero non recatan as autoestradas crebadas madrileñas con recursos da Comunidade de Madrid, aínda que fora a Esperanza Aguirre a que puxera en marcha a súa construción a beneficio dos seus amigos especuladores. Pretenden rescatalos con recursos do estado, con axudas de estado, cos nosos impostos, actuais e a trinta anos.

Non, non estamos dispostos a decir amén. 

Non podemos tolerar que ese mercenario de Feijóo diga amén a costa de sacrificar os noso investimentos e o noso futuro. Cantos diques flotantes se poden facer con eses 4.600 millóns?, nin máis nin menos que 46, pero négannnos até o primeiro, que sería clave para o futuro da industria naval de Ferrolterra. Cántos empregos na industria alimentaria, cantos empregos na promoción da agricultura, na eólica, cantos centros de innovación, cantas camas de hospital, etc, etc. se poderían crear?.

O pobo catalán viuno claro. Ten a decidida vontade de cortar o cordón umbilical que alimenta o monstro madrileño. Romper definitivamente con esa insoportable vocación hexemonista de Madrid e do Estado.
Nin a manipulación máis burda, nin a ignorancia fanática, nin a chulería do españolismo máis rancio van poder parar o proceso catalán.

Hai dous días compartimos en directo esa inmensa maré democrática e cívica da Diada, con esa impoñente V de Vitoria e de Vontade de Votar. Poidemos ver a ese pobo catalán en pé, todo el, decido a avanzar pase o que pase.

"Precisamos organización, autoorganización. Para romper a supeditación a forzas alleas.Necesitamos achegar a maioría da sociedade ao proxecto soberanista.Precisamos conquistar as institucións de autogoberno para convertelas en aliadas do proceso".

Desde a pletórica xente moza até as velliñas e velliños con caiado, desde a clase traballadora até a elite profesional, desde os nacidos en Cataluña aos inmigrantes, desde a esquerda a dereita, todos camiñaban xuntos, co convencimento de que unidos son imparábeis. E estou convencido que esa vontade absolutamente maioritaria acabará alumbrando un estado catalá. Máis pronto que tarde, dun xeito ou doutro.

Desde aquí nós partillamos os anceios do pobo catalán e os dos escoceses.

Porque os seus anceios son tamén os nosos e porque sabemos que o seu éxito será unha Vitoria que dará folgos e ilusión para que o pobo galego avance. Avanzaremos, recorreremos o noso propio camiño, ao ritmo que as galegas e galegos decidan. Pero recorrerémolo, sen dúbida.

Para iso precisamos erguer a autoestima desta sociedade, a confianza nas nosas propias forzas e capacidades. Temos que vencer o derrotismo, veña de onde veña. Vencer os discursos cos que queren infundir inseguranza ou medo.

Precisamos organización, autoorganización. Para romper a supeditación a forzas alleas.

Necesitamos achegar a maioría da sociedade ao proxecto soberanista.

Precisamos conquistar as institucións de autogoberno para convertelas en aliadas do proceso. Temos que quitar de aí a ese mercenario de Feijóo, hooligan e chulapote de barrio entregado servilmente aos lobbies de Madrid.

Desde logo, non imos tolerar que muden as regras de xogo para prevalecer mesmo sen ter a maioría social. Non imos tolerar que recurten o Parlemento Galego para desvalorizalo e para deturpar a representación igualitaria de toda a cidadanía galega.

Precisamos unha organización potente e ilusionada. O BNG é hoxe o motor ilusionado para construír o futuro para esta nación.

"As Asembleas abertas son unha aposta de alcance para ensanchar a base social do nacionalismo, para organizar esa pluralidade que busca mudar unha realidade e que debe ter no proxecto nacionalista a ferramenta e o referente para facelo"

As Asembleas abertas son unha aposta de alcance para ensanchar a base social do nacionalismo, para organizar esa pluralidade que busca mudar unha realidade e que debe ter no proxecto nacionalista a ferramenta e o referente para facelo. Teñen que ser foros para conectar coas arelas e angueiras concretas da nosa cidadanía sometida ao empobrecemento, a precariedade, a emigración e a loita pola supervivencia. Temos que empezar por expoñer a nosa experiencia na xestión local e recoller as ideas e iniciativas para levar aos concellos nas vindeiras municipais.

As leccións do proceso escocés e catalán teñen que ser ben aprendidas. Hoxe son procesos sociais transversais pero chegouse aí grazas a anos de autoorganización e tamén de conquista das institucións de autogoberno.

Nós saberemos facelo coas nosas receitas saídas da nosa realidade concreta, “á moda da casa”. 

Construiremos entre todos unha Galiza con futuro, con emprego e vida digna nesta terra. Porque nós somos os do SI, si a Galiza, si ao emprego, si ao futuro. Si ao dereito a decidir.

Viva Escocia, viva Catalunya. Viva Galiza Ceibe.

Compostela, 13 de setembro de 2014.

Comentarios