venres 05.06.2020

Contra a corrupción, o espolio e o centralismo: Democracia, Autogoberno, Soberanía

Hoxe non é un día para grandes conmemoracións pero si para renovar as nosas reivindicacións.
A Constitución do 78, nacida dun pacto cos poderes herdeiros do franqismo moribundo, tentou poñer cancelas á democracia e non nos recoñece como pobo, non nos recoñece como nación. 
Por iso os nacionalistas daquela non a refrendamos.

Hoxe non é un día para grandes conmemoracións pero si para renovar as nosas reivindicacións.

A Constitución do 78, nacida dun pacto cos poderes herdeiros do franquismo moribundo, tentou poñer cancelas á democracia e non nos recoñece como pobo, non nos recoñece como nación. 

Por iso os nacionalistas daquela non a refrendamos.

Nós propoñiamos daquela outras Bases Constitucionais da Nación Galega para un pacto confederal.
Aproveito para render homenaxe ao compañeiro Francisco Carballo que nos deixou hai unha semana e a quen eu tivera ocasión de ver en Vigo participando activamente naquela campaña; eu que con 17 anos non puidera votar coma moitos dos que aqui estades. 

"A degradación do réxime constitucional, trufado desde o principio polos vellos poderes económicos, polas vellas familiar do réxime, por unha xudicatura e uns poderes fácticos reacomodados, foi reproducindo cada vez con máis claramente os vellos vicios da España cutre, castiza, carpetovetónica".

Pídovos un caluroso aplauso de despedida para Paco Carballo.

anos despois seguen nas mesmas pero en descomposición e coas costuras rachadas e esfiañadas

O paso do tempo cargounos de razóns. 

A degradación do réxime constitucional, trufado desde o principio polos vellos poderes económicos, polas vellas familiar do réxime, por unha xudicatura e uns poderes fácticos reacomodados, foi reproducindo cada vez con máis claramente os vellos vicios da España cutre, castiza, carpetovetónica. A dos Rato, Aguirre, Aznar, Díaz Ferrán, Florentino, Arturo Fernández e agora coa guinda do “pequeno Nicolás”. 

Hoxe hai moitas máis razóns para rexeitar un réxime constitucional dexenerado e corrompido desde a cúspide. Un réxime que se demostra incapaz para dar resposta ás aspiracións e ás necesidades imperiosas da sociedade.

Hoxe podemos comprobar que mesmo as promesas que contiña aquela Constitución en aspectos democráticos, sociais ou territoriais quedaron absolutamente desfigurados polo camiño.

A economía social de mercado é hoxe mercado desregulado dominado polos oligopolios e sometido aos caprichos das finanzas e os mercados globais.

Onde van os preceptos relativos ao control público dunha economía social de mercado ou a planificación pública da economía?

Onde van os dereitos sociais nominalmente consagrados como o dereito ao traballo ou a vivenda?

Quedaron en mera retórica fronte a cruel lóxica dun capital especulativo. 

A exclusión laboral, a precariedade e pobreza salarial, a pobreza rampante son actas de denuncia da letra morta constitucional.

Mesmo o dereito a unha saúde pública universal de calidade está sendo hoxendía posto en almoeda cos recortes e as privatizacións a beneficio dos lobbys empresariais amigos do PP e os fondos de investimento. 

Que queda do proclamado sistema fiscal progresivo cando o 80% da recadación procede das clases traballadoras? Que queda dun sistema fiscal progresivo cando as grandes fortunas e as grandes empresas están masivamente en paraisos fiscais ou na fraude?

"Onde van os dereitos sociais nominalmente consagrados como o dereito ao traballo ou a vivenda?"

O corsé neoliberal imposto polos poderes económicos, por Bruxelas e polos acordos internacionais esganou calquera posible xestión democrática da economía. 
A desregulación, liberalización e privatizacións puxeron a sociedade aos pés dos cabalos desbocados do mercado.

O que está claro é que todo iso non se fixo por decreto divino. As complicidades nese proceso son a expresión da verdadeira, da grande, corrupción, a de guante blanco e real decreto no BOE.

Que dicir da descentralización?

As promesas de descentralización para as chamadas “nacionalidades históricas” quedaron reducidas a unha descentralización da xestión pero sen capacidade real de decisión. As competencias inicialmente recollidas no Estatuto foron desactivadas e baleiradas de conteudo coas continua centralizacións cara arriba, cara Bruxelas e cara Madrid. 

As timoratas promesas iniciais logo abriron paso a centralización. Si, outravolta a asfixiante centralización.

O recurso sistemático á lexislación básica estatal invasiva das competencias autonómicas forma parte dunha estratexia agresiva de recentralización que mata o autogoberno e cega calquera espectativa de avance por esa vía. A negativa centralista á blindaxe das competencias autonómicas evidencia unha vontade recentralizadora que pretende ir a máis. 

As nacións, con Cataluña á fronte, reaccionamos. Hoxe Cataluña está convencida que non hai convivencia posíbel con ese españolismo centralista que, como a cabra, sempre tira ao monte. 

Galiza, os nacionalistas galegos, non podemos consentir esa centralización que nos nega e nos espolia. Nós só podemos aceptar camiñar cara adiante, agrandar o autogoberno, de cara a soberanía. Pero desde logo non imos consentir que este país sucumba coa complicidade traidora dese mercenario amoral que ocupa a Residencia de Monte Pío. 

Temos un país con potencialidades, con recursos humanos ben formados, con recursos naturais, hídricos, enerxéticos, con grandes portos, con aforro e non podemos permitir que esmoreza vítima de políticas miopes,  que no mellor dos casos ignoran os nosos intereses e polo común atrancannos e espoliannos

"Nós só podemos aceptar camiñar cara adiante, agrandar o autogoberno, de cara a soberanía. Pero desde logo non imos consentir que este país sucumba coa complicidade traidora dese mercenario amoral que ocupa a Residencia de Monte Pío". . 

Non podemos permitir que o país quede desertizado, vítima do avellentamento e a emigración; 
que as terras fértiles queden abandonadas, a monte; 
que as rías morran de toxinas por falla de saneamento; 
que a electricidade emigre gratis a Madrid por esas arterias de alta tensión; 
que o aforro fuxa polas veas virtuais dunha banca colonial; 
que os cartos do noso consumo vaia directo a Madrid pola tubaxe da aspiradora das grandes cadeas do Corte inglés, Carrefour ou Mercadona; 
que os nosos impostos vaian ás mans de Montoro para rescatar Bankia, o déficit tarifario, o burato de defensa, o rescate das concesionarias e para pagar por sécula seculorum a débeda, a lexítima e a ilexítima dos bancos, convertidas ambas en santas e sagradas grazas á famosa reforma espress, aí si, do Art 135 da Constitución. Impostos de todos os galegos e galegas para encher o burato que deixan as grandes empresas e bancos que fuxen cos seus beneficios, con total impunidade, cara os paraísos fiscais. 

Nós non estamos dispostos a consentir esta estampa da Galiza sumisa destes anos cutres de Feijóo que está posto aí como el mesmo di, “para no crear problemas a España”, para que Galiza non reaxa.

Pois que non o dubide, Galiza vai reaxir e revivir. Galiza pode ser un país de primeira e os/as nacionalistas imos ascendela a primeira.

"Nós non estamos dispostos a consentir esta estampa da Galiza sumisa destes anos cutres de Feijóo que está posto aí como el mesmo di, “para no crear problemas a España”, para que Galiza non reaxa".

Para iso temos que darlle a volta a ese centralismo que nos atenaza.

Está claro que sen soberanía financeira non pode haber autogoberno real. Trinta e seis anos despois de aprobada a Contitución e 33 do Estatuto resulta que padecemos o control da recadación fiscal por parte da Axencia Estatal. Pero as cousas van a peor nos últimos anos porque o goberno central reserva unha parte crecente do orzamento para si; impón teitos de gasto e de déficit que cercenan as contas autonómicas e municipais en tanto que reservan marxes moi superiores para o goberno central; un financiamento autonómico inxusto que fai que Galiza teña nos últimos anos unha balanza fiscal deficitaria a pesares de sermos unha das economías con menor renda per capita.

A recentralización é a vía máis clara para poñer o BOE ao servizo das grandes empresas, dos grandes lobbys. A recentralización de competencias e recursos é a porta grande para a gran corrupción, a corrupción VIP, de luva blanca, que é a que move fortunas á paladas.

En aplicación dese desenvolvemento Constitucional recentralizador desmantelaron as caixas a beneficio da gran banca, deixaron a Galiza sen o control sobre o 50% do seu sector financeiro. Aqui veñen todos os bancos españois a captar aforro ao 1 ou 2% e logo emigra para alimentar os mercados especulativos globais e o investimento noutras latitudes, en tanto que a nosa economía padece unha seca de crédito e un elevado prezo do diñeiro.

Asi se consagra o espolio do noso aforro, asi se vampiriza e estrangula a nosa economía.

En aplicación desa recentralización eles deciden o parón do sector eólico e deciden tamén o prezo da electricidade, cun mercado centralizado e deseñado á medida dos intereses do lobby eléctrico. O noso excedente de producción eléctrico beneficia a Madrid e as nosas empresas e familias non poden beneficiarse dunha tarifa eléctrica galega. Asi vemos como empresas electro-intensivas como Alcoa ou Megasa anuncian peches e regulacións de emprego. 

"Para que lle serve a Galiza ser excedentaria en enerxía eléctrica? Se pechan esas empresas aínda vai aumentar máis o excedente eléctrico e exportaremos máis a bó prezo para Madrid". 

Para que lle serve a Galiza ser excedentaria en enerxía eléctrica? Se pechan esas empresas aínda vai aumentar máis o excedente eléctrico e exportaremos máis a bó prezo para Madrid. 

De que val que recibamos Fondos Estruturais ou de Cohesión se logo é en Madrid onde deciden o deseño das grandes redes radiais de infraestruturas a maior gloria dese centro convertido en burato negro de todos os destinos. E aínda por riba son as Grandes construtoras do lobby madrileño do PP as que fan o negocio e amasan fortunas con eles. 

Asi medra o lobby do Palco do Bernabeu e engorda a cabeza da hidra dese centralismo que nos aferrolla e arruina.

Non podemos fiar o noso futuro aos mercenarios que están ao servizos dos grandes lobbies, que por esa vía cada vez engordan máis e se voltan aínda máis poderosos.

Estamos vendidos nas mans duns bandidos. Venderonnos en todas as negociacións con Bruxelas, na PAC, na Pesca, no Naval. A última acabamos de destapala estes días co asunto da prohibición “do xeito”, grazas que esta aí o BNG, coa grande Ana, para descubrilo, reaxir e resolvelo. Fixo máis esta delegación do xeito organizada polo BNG, con Dani Rodas e Adolfo Muiños, que todos os demais. O goberno central ou a Xunta nin estaban nin se lles agardaba. Banda de vendidos! Que pode esperar Galiza se non estamos nós para representar directamente os intereses colectivos deste país?

Por se as consecuencias socieconómicas da deriva constitucional non fosen abondo, vemos como se degradan tamén as condicións da nosa vida institucional, cunha democracia de ínfima calidade e como van debilitando o vigor dos nosos sinais de identidade colectiva. 

A colonización informativa e comunicacional vai acompañada dun cerco sistemático á nosa cultura e a todas as manifestación e usos da nosa lingua. 

A imposición naturalizada dese nacionalismo banal español vai acompañada da desprotección e esforzos de marxinalización e exclusión da lingua. 

Aí estan os últimos datos do IGE que revelan unha caída de 6 puntos na porcentaxe de galegofalantes desde que chegou Feijóo e a constatación de que o 75% dos menores de 15 anos non usa “nunca ou case nunca” o galego. 

"A imposición naturalizada dese nacionalismo banal español vai acompañada da desprotección e esforzos de marxinalización e exclusión da lingua". 

E para maior escarnio e insulto temos que aturar que todo iso vaia parapetado detrás dese insidioso e mesquiño discurso da “imposición del gallego”. Levando ao estremo esa moda neocón da manipulación orwelliana da semántica. 

Cousa esta que aplican até o delirio na estratexia de construír espantallos retóricos cos que entreter, despistar ou amedrentar á cidadanía. 

O bronquismo e hooliganismo para tapar os debates, ese sacar a paseo falsas diatribas sobre violencia ou terrorismo, o intento de tapar a gran corrupción coa multiplicación da minucia, etc son outras tantas estataxemas desta dereita conservadora, dereita extrema e agresiva, co obxecto de atordoar a opinión pública e mantela, maina ou indignada, pero alonxada do debate político real.

A corrupción da linguaxe e a corrupción dos medios de adoutrinamento é hoxe por hoxe a máis seria e perigosa das corrupcións porque busca impedir o debate democrático e a conformación dunha opinión política verdadeiramente libre. 

Esa é a súa estratexia para destruír calquera esperanza da xente. 

Teñen moito poder, teñen moitas armas... Pero non gañarán.
Darémoslle a volta.
Este país ten potencialidade e ten futuro
Esta sociedade está acurralada e amedrentada pero non está derrotada, non está rendida.
Reaccionará, reaccionaremos. Saíremos adiante. Faremos un país de primeira
Venceremos, venceremos nós.

Contra a corrupción, democracia
Contra o espolio, autogoberno
Contra o centralismo, soberanía 

Viva Galiza Ceibe

Xavier Vence

(Discurso do acto do BNG celebrado o 6 de decembro en Santiago de Compostela)

Contra a corrupción, o espolio e o centralismo: Democracia, Autogoberno, Soberanía
comentarios