Opinión

Zombis

Que pouco importa, que pouco, que sexas home ou muller, que sexas un home que se sinta a desgusto no corpo de home ou unha muller que se sinta ferida por ser muller e quixera non selo. O importante é que queiras ser, existir, que non te aniques porque non encaixas no estereotipo estatístico, que non te engurres porque cando te ves no espello non es como os demais quixeran que foras senón coma ti -que premes no espello por ver se é un xel, e como a Alicia do conto podes pasar a través del- te ves a ti mesme.

Cando falo dos outros comezo por pai e nai, que precisan tempo mais tamén os colegas escolinos ou esa señora, que ollándote con ar de superioridade, a ti de esguello e a fite os ollos dos teus pais, pregunta co fel nos beizos: “es neno ou nena? Hoxe é tan difícil... a vida é tan rara”. Non lles fagas caso, nin medio caso sequera, non deixes que te agridan con esas mexericadas de carriño da compra ou terraza de taberna. Non os mires, non están aí, son fantasmas do pasado, zombis que viven ancorados nun mundo pretérito. Todos eles, independentemente da idade, de se levan un brinco na orella ou visten traxe de chaqueta e falta tubo ou un tres pezas con garabata, se van de mono de obreiro ou de chándal kamikaze. O seu paraíso non está no futuro senón no pasado. Non son, simplemente foron, son zombis, seres que nunca experimentaron a liberdade e non queren que ninguén sinta o que eles xamais sentiron. Quérenvos excluídos. Por iso votan a quen vos nega e vos quere pór en terapia de choque, bican reliquias de santos bárbaros ou fan ablucións en fontes milagreiras.

Son os nosos zombis, os que manteñen o poder do pasado, os que saen cada día a pingar a súa baba, mais ti, que tanto ten que sexas home ou muller, non procures atallos para non-ser, por medo ao que os zombis pensen. Querémoste libre. Como ti es, e punto. Non imos preguntar nada. Só escoitar, en listening mode. Escoitar e celebrar a diversidade da vida e das opcións de liberdade. Prometido queda.

Comentarios