Opinión

Xubileo

O primeiro de setembro accedín a este novo estado da vida que é a xubilación, que se pode entender como unha celebración. En portugués dinlle ‘reforma’, que dá idea dun cambio de estado, como de pasar de estado líquido a se converter nun gas. Iso espero que sexa, un mudar de ocupacións, mais tamén de actitudes e compromisos. Despois de máis de trinta anos de trasterramento (voluntario, mais é o lugar onde atopei traballo e daquela non era cuestión de non aceptalo), teño en mente regresar ao país deixando sempre un pé nese outro país que me acolleu, onde pasei máis da metade da miña vida e ao que lle collín querenza (non sei se cariño). 

Hai tempo xa dinme de conta que non coñezo o bastante o meu país de orixe, cando menos non de xeito tan próximo como aqueles e aquelas que aí vivides. Foi esa a razón pola que chamei a esta columna ‘excéntrica’, por ese afastamento fóra do centro no que levo vivindo dende que deixei Compostela en 1981 para saír polo mundo adiante. Primeiro en Cataluña, despois no mar e despois aínda neste corazón de Europa (para o bo e para o mao). 

Agora vou regresar disposto a devolver ao país o que investiron en min, na miña educación universitaria e na formación técnica posterior. É verdade que tiven que saír para atopar traballo, mais nin son o primeiro nin son o único. Moitos tiveron, teñen e terán que facelo, pois o país semella que ten ese comportamento centrífugo como marca de identidade. Supoño que non hai nada de noso que nos leve a emigrar como destino, mais a realidade semella ser tiránica neste aspecto. 

Non sei aínda como poderei participar na vida cultural e no desenvolvemento da sociedade. Cando traballaba fóra a tempo completo todo eran escusas para non acudir a algunhas citas o ser convidado a outras. Agora estou dispoñíbel e coa cabeza chea de proxectos de traballo, que logo serán ou non, pois ao mellor a sociedade á que me vou (re)integrar non é como eu creo, aberta e acolledora, senón distinta. Xa se verá.  

Comentarios