Opinión

Un paso atrás

Teño que confesar o meu estado de confusión diante da situación que se está a vivir en Afganistán. Se cadra porque teño unha visión limitada do conflito (o que aparece nos medios de comunicación) e descoñezo a historia recente e non tan recente do país. 

Intúese mais non se ve máis que un fragmento da realidade. Regresan os talibáns ao control do país e ao goberno do mesmo. Do país non se foran nunca pois xa controlaban unha boa parte do territorio. Hai disputas sobre a extensión deste dominio, mais non menos do 15%. Ademais estaban infiltrados en moitas estruturas do estado e aínda no exército. Como se explica, senón, que en canto os americanos anunciaron a retirada das tropas (en maio de 2021), o seu avance fora imparábel? A situación virou absolutamente incontrolábel a partir do inicio de agosto cando fuxiu o Presidente do país, o que precipitou o desmantelamento do exército e a entrega das armas aos talibáns (que unha parte da cidadanía ve con bos ollos, pois consideran o seu avance unha guerra de liberación nacional).

Sen deixar de ter natureza de ocupación (como antes fora a soviética e a do Imperio británico), a presenza estranxeira dende 2001 (data do derrocamento do goberno talibán), significou unha reactivación do contacto entre os usos e costumes occidentais e as tradicións da sociedade afgán. O panorama está por desvelar, mais tal parece que o futuro inmediato do país será a restauración dun estado teocrático. É dicir o sometemento de todas as esferas da vida á interpretación nesgada da relixión que fan os talibáns (terríbeis foron, son e serán sempre os réximes políticos teocráticos, sexan estes cristiáns, sionistas ou islámicos). 

Agora comeza unha nova etapa durísima, tanto para os exiliados como para os fuxidos, agochados ou simplemente sufridos cidadáns deses país que leva case dous séculos en guerra aberta ou larvada. Chegarán delacións, masacres, execucións sumarias, miseria, corrupción... un longo período de sombras, unha outra longa noite de pedra. Que facer?

Comentarios