Opinión

O traballo dos escritores

Por eneísima vez pedíronme un texto para unha asociación, unha revista, un instituto de ensino medio, unha editora ou unha manifestación cultural, grande, pequena ou mediana. Por descontado non estaban dispostos a ‘conceder’ -como unha dádiva- unha retribución económica, pois había unha crise, non tiñan recursos propios, non recibiran as subvencións prometidas (ou soñadas) ou, simplemente, consideraban que aos escritores víñanos ben a participación na conferencia, na mesa redonda, no recital, na publicación... para promocionar os nosos libros, e, daquela, con iso, coa oportunidade, xa íamos pagos. Pensan o mesmo dos músicos, que, cando actúan, promocionan os seus discos?

Estabeleceuse esa ‘tradición’, dende a longa noite de pedra, cando participar en conferencias, recitais de poesía ou publicacións en galego era contribuír a axitación cultural e traballar a prol da patria, que os bárbaros do leste nos querían roubar. Estabeleceuse esa norma, magnificada pola chegada dos contidos dixitais, onde se supón que todo contido é gratis.

Hoxe os bárbaros están entre nós, infiltrados, foron educados en galego, sendo bilingües desharmónicos (falan mellor castelán). Controlan os orzamentos da autonomía (ese bálsamo para acalar vindicacións federalistas ou independentistas), reparten subvencións a grupos folclóricos ou editores de xornais e continúan ignorando os dereitos dos escritores como xeradores de contidos culturais.

A tiranía da realidade imponse á lóxica e á razón. Herbert Marcuse opoñía a realidade e o desexo, como contradición principal nas sociedades occidentais. Quizais tiña razón, ou tal vez son eu quen non entende a dinámica desas contradicións.

A realidade é o descrédito dos escritores, e o desexo é o respecto ao noso traballo. Hai necesidade de que saiban que o noso traballo é digno e mal pago. Haina tamén de que saiban que como todo creador necesitamos satisfaccións para non tira-la toalla. Hai necesidade de que o saiban. Cando voten, tamén.

Comentarios