Opinión

Toma de decisións

Recentemente participei nunha xuntanza internacional para a xestión dos túnidos no Atlántico. O modelo escollido –pandemia obriga- foi o dunha serie de videoconferencias temáticas, que se estenderon do 15 ao 23 de novembro. Esa circunstancia levou a que unha negociación a 53 partes contratantes levara aparellada a dificultade técnica. Nalgunhas sesións o número de participantes chegaba a 400, conectados en rede. Eran frecuentes as desconexións totais (video e audio) ou parciais (video ou audio), as incompartibilidades de sistemas (mala calidade na imaxe ou no son). Engadíase a iso o retardo nas comunicacións, os ecos e ese costume de algúns de ter o audio aberto a toda hora (nunha ocasión escoitouse un ballenato, mentres un asisado científico trataba de explicar a complexidade da recuperación dos marraxos de aquí a que pasen 50 anos!). Como, ademais, as partes interesadas ocupaban catro dos cinco continentes, os fusos horarios non coincidían e isa disparidade constituía un atranco para falar coas partes en bilateral, como se fai nunha xuntanza onde as partes están presentes fisicamente. 

O modelo fai tamén que algúns que deberían falar se agochen baixo o distanciamento que as videoconferencias masivas propician, e daquela un non chega a saber o que opinan. En directo isto é máis sinxelo, pois a linguaxe verbal non adoita traizoar. O que sabe analizala pode descubrir se alguén está interesado nun tema ou lle importa un figo, se aquela delegación se puxo nerviosa cunha mención ou se aqueloutra rie abertamente coma se viñese de gañar a batalla de Borodinó. 

Todo isto para dicir que os novos sistemas de negociación a distancia precisan urxentemente dunha tecnoloxía máis desenvolvida, dunha regulación maior para instaurar dereitos e obrigacións e, sobre todo, da adopción dun sistema de negociación mixta de xuntanzas presenciais e telemáticas. Mentres non aconteza o proceso de toma de decisións de xestión e de negociacións sufrira unha mingua no diálogo e un enlentecemento do proceso.   

Comentarios