Opinión

Superlike

Cando un expón o seu traballo literario ou as súas opinións nos diferentes espazos públicos que hoxe existen, ten que apandar coas opinións daqueles que o critican ou apoian, os que non o queren (hatters) os máis deles (valentes) agochados no anonimato, e os que, pola contra, apoian a manifestación artística ou a opinión expresada (supporters), que adoitan dar un gústame/like. Certo é que nalgunhas plataformas dixitais a meirande parte dos ‘amigos’, por desleixo ou discreción, non expresan a súa opinión e conténtanse co silencio. 

Un non vive –non podería- dos likes recibidos pois estes, sendo gratificantes todos eles, son aleatorios na súa asignación e algo impredecíbeis na súa asignación, de xeito que a foto dun michiño ou dunha máxima dalgún predicador profesional ou amateur, adoite ter moitos máis apoios que unha reflexión certeira ou un aforismo atinado. 

Hai un par de días, en Vigo, sentado na mesa dunha terraza, vin pasar a Xosé Luís Méndez Ferrín, que levaba o diario Nós nunha man e na outra unha pasta azul, que imaxino contería algún documento de interese (quen sabe se un mando de contos ou poemas, ben quixéramos). Erguinme a saudar e falamos un bo cacho, pois tanto el coma min estabamos de náufragos e daquela a conversa foi do máis balsámica. Conteille do meu recente ingreso na categoría de ‘reformados’ e animoume a seguir no empeño da escrita, argumentando que alguén que escribía tan ben coma min tiña que persistir no empeño sen me deixar arrastrar por modas ou opinións mesquiñas. 

Esa opinión positiva (algo hiperbólica, se cadra) dun dos nosos escritores vivos con maior pouso na literatura galega, enténdoa eu coma un superlike, algo que ben vale un sorriso de (auto)satisfacción. Non é que os outros apoios non sexan benvidos, enténdase, mais este, xunto coa aperta que no seu día me dera o poeta Manuel María, constitúen para min superlikes. Todos eles anímanme a continuar escribindolles, entre outros textos, estas crónicas excéntricas.

Comentarios