Opinión

SIDA/AIDS (I)

O 1 de decembro celébrase como cada ano dende 1988 o Día Mundial da loita contra a Sida. Por primeira vez en 1981 os Centros para o Control e a Prevención de Doenzas publicaron os primeiros informes de varóns americanos que anteriormente estaban sans e agora padecían formas raras de cancro e pneumonía, acompañadas de «infeccións oportunistas». Dende ese momento até hoxe case 76 millóns de persoas foron infectadas polo virus da VIH, 38 millóns deles aínda conviven co virus sen que este desaparecera do seu organismo. A cifra de mortos é de decenas de millóns (os diagnosticados e os que morreran sen saber a causa exacta do seu falecemento ou se estaban infectados, sen contar con aqueles que se suicidaran ou se deixaran morre de desesperación e de terror).

Entre eses millóns de mortos, houbo un mando deles que eran famosos. Iso levou á sociedade americana primeiro e occidental despois a tomar conciencia do problema. Xurdiran asociacións para loitar contra a enfermidade. A fertilidade que acompaña calquera caos fixo que xurdiran creacións artísticas de interese, filmes notábeis, libros reveladores, conciencias solidarias. Ao inicio, en plena desorde, cando os homes colapsaban os hospitais, falouse de punición divina e de campos de exterminio. Cando se descubriu a terapia deixouse de procurar a vacina. Así, corenta anos despois e decenas de millóns de mortos, seguimos sen ter vacina. A vacina é a castidade e o foder con condón. 

Sei que as dúas infeccións (a do VIH e a da Covid-19) son e non son comparábeis. As dúas son pandemias. Unha, larvada e persistente dende hai corenta anos, para a que se atopou unha tratamento paliativo. Outra que está no acme da súa incidencia nesta segunda onda mortífera. Mais por respecto aos mortos e aos que por miseria, ignorancia ou desleixo aínda se contaxian, por aqueles que sufriran persecución e exterminio sistemático (a negación do coidado é exterminio) ben merece que falemos da SIDA e persistamos na procura da vacina. 

Comentarios