luns 19/04/21

Sen título

Cando visito unha exposición de artes plásticas e as pezas expostas non teñen título sinto a necesidade de lle por eu un propio, non tanto por unha falta de respecto ao artista senón pola seguridade que me dá distinguila de outra. Póñanlle pois o título que queiran a esta columna, que para min, que aparezo nestas páxinas nas sextas feiras é a última deste ano que se nos vai se gloria. Outras virán.

Hoxe, cando isto escribo tiven que facer unha das chamadas telefónicas máis difíciles das que teño memoria. Chamei a nai para lle dicir que esta Noiteboa non estaría na mesa con ela e os irmáns. En Aninovo tampouco e na Epifanía (Reis), pois xa veriamos como avanzaba a situación. Son tres unidades familiares/burbullas e o risco é demasiado grande, para min, que xa vou tendo unha idade que se considera de risco, para os irmáns, dos que dous me superan en idade e para nai, que xa pasados os 90 é de risco máximo. A decisión é, ao mesmo tempo, altruísta e egoísta, pois se ben foi tomada polo ben común ten tamén unha compoñente de auto protección. Hei confesar que teño medo. Polos meus, por descontado, mais por min tamén e nesta situación non o considero como algo negativo senón como algo positivo. Teño ganas de vivir.

Non exemplifico aquí a miña decisión para outra cousa que para reclamar sentido común. Aínda están vostedes a tempo de evitar absurdas celebracións de aninovo, que sei, é claro, que son unha catarse grupal e todo iso, mais que este ano hai que evitar custe o que custe. Hai moitas vidas en xogo.

Na nosa lingua hai unha palabra un pouco ambigua que é ‘sentidiño’. É un diminutivo, o que minimiza ‘sentido’. Úsase así e todo cun ton cominatorio mais amábel, até diría eu que tolerante, aberto a que o sentido común non sexa completo senón parcial, que poida haber excepcións. Pois non, este ano temos que ir alén do ‘sentidiño’ e usar o sentido común para evitar que o ano non comece con máis bágoas e máis restricións. O dito, póñanlle título.

comentarios