Opinión

O salario dos escritores (II)

Recunco no tema da semana pasada: as ridículas tarifas dos escritores, que poderían facerse extensivas a outros colectivos de creadores. 

Falo, por tanto, de min e de todos nós, traballadores culturais chantaxeados a diario para contribuír de xeito altruísta ao lucro de outros. Haberá que comezar a falar disto, da explotación/chantaxe sentimental, da ignominia de non pagar dereitos, do desprezo, das cláusulas abusivas dos premios literarios e dos contratos, das complicidades, da rabia contida e das solucións dignas a este labirinto de paixóns.

Non gustamos de falar de diñeiro. Encontrámonos nunha situación difícil. Sentímonos como se estiveramos a facer algo prohibido ou, cando menos, inxustificado cando o organizador dun evento «quer ofrecernos unha plataforma» e pedimos un salario xusto. Estamos case convencidos de que precisamos agradecer cando o eneísimo axente cultural usa un texto noso para unha revista, un xornal, unha antoloxía ou unha representación teatral, apenas para «nos colocar no mapa».

Que a ‘man de obra cultural’ reclame un salario digno non debería resultar nin embarazoso nin indecente. Debe ser considerado un dereito. Como profesionais ofrecemos un tratamento diferenciado da lingua que vai alén da creación de libros e da produción de textos dos que, para ser honestos, ninguén pode vivir se non van acompañados doutras compensacións económicas relacionadas coa actividade. Unha parte importante do traballo do autor son as presentacións públicas en todas as súas formas, partillando ideas e propiciando debates e discusións. Nun sistema normalizado a meirande parte dos rendementos dos autores está composta por comisións individuais, ponderadas en función dunha serie de parámetros, que son complemento necesario, quer para aqueles cun posto de traballo remunerado, quer para aqueloutros que persisten no empeño de escribir para vivir.

Deica cando imos vivir nesta anormalidade? Ou é que estamos todos a prol da cultura como militancia altruísta?

Comentarios