venres 14/08/20

Rutinas

De cando en vez aparecen no universo propio unha serie de pequenos cambios a xeito de mudanza nos costumes. Eu non podería enumerar agora esas varias mutacións sufridas na miña vida nin datalas sequera, nin explicar se eses cambios comezaron tal ou tal día e se foron repentinos ou insidiosos. É ben probábel que a evolución do comportamento humano se reduza exactamente a iso, a unha modificación paulatina de rutinas (individuais e colectivas, como logo se verá). 

Rutinas para estabelecer unha liña de base a partir da que actuar, para que sirva de sustento ás posíbeis desviacións que han fraguar a personalidade propia. Rutinas para delimitar o nicho ecolóxico, o territorio onde un se sinte cómodo, e a partir do cal se poden dar saltos cualitativos, novas rutinas que virán modificar as anteriores, para ir avanzando así ás ondadas, non sempre na mesma dirección, mais sempre no mesmo sentido que é o de medrar, o de ir conquistando territorios e tendendo pontes, coma se toda a nosa vida non fose senón un traballo de zapadores nunha guerra sen fin, onde o avance inexorábel que a idade comporta encontra ao seu paso obstáculos que é preciso confrontar. Rutinas para ser transgredidas, para ser modificadas por outras rutinas que axuden a crear un outro equilibrio pasaxeiro.

O expresado con anterioridade a nivel individual, pódese aplicar á sociedade ou a ese magma espeso que é a identidade colectiva. Pasamos anos na rutina dunha ditadura. Estreamos unha democracia formal con autonomía incluída, e estabelecemos a rutina das eleccións e, se atendemos a estatísticas, agás en circunstancias excepcionais –traizóns de opereta incluídas- instaurouse na sociedade a rutina insidiosa da derrota dos que nos autoidentificamos como galegos.

Vivimos unha situación de desequilibrio emocional como entidade diferenciada. Non nos queremos así como nós somos. Se cadra é tempo, pois, de ensaiar no colectivo aquilo que funciona no nivel individual, a transgresión das rutinas.

comentarios