Opinión

Retagarda

A desgraza do afundimento do petroleiro 'Prestige' asóciase á imaxe icónica dos voluntarios de máscara e traxe branco limpando nas praias e rochedos e, en menor medida, a aqueles mariñeiros que cos máis variados artefactos da súa industria enzoufaron as mans no chapapote, coutando na medida das súas posibilidades o avance da marea negra cara ao interior das rías. Son eles cos seus equipamentos os que acaparan fotos e portadas de medios de comunicación.

Non deberiamos ser inxenuos: as masas non se autoorganizan. Menos aínda cando existe unha creba da conciencia de clase, de xeito que os oprimidos votan na súa meirande parte as opcións políticas no poder, que non só non representan os seus lexítimos intereses de clase senón que os desprezan nunha clara manifestación dese xeito de racismo que é a aporofobia. As masas precisan para facer agromar as súas lexítimas vindicacións de clase do apoio de organizacións políticas.

Non se podería ter acadado unha resposta social importante sen todo o tecido loxístico, de apoio e intendencia que se organizou arredor dun único obxectivo político, o de tombar ao goberno da Xunta de Galiza pola súa pésima xestión da desgraza (ou mellor dito, por converter un incidente nunha catástrofe). Chegou a vangarda popular, os voluntarios nacionais e internacionais, que axudaron a limpar rochas e areais daquel fuel que todo emporcaba. Mais para que eles tivesen equipamentos, lugares onde comer ou descansar, foi necesaria toda unha intendencia para lles procurar servizos básicos, para organizar o seu traballo e facer que este rendera os seus froitos e non ficara simplemente nun acto ritual de enzoufar as mans.

Quero, pois, rematar reivindicando o labor deses outros voluntarios, que, dende a retagarda, fóra dos focos de atención mediática, fixeron posíbel toda a loxística física e intelectual que propiciou que eses voluntarios de máscara e funda branca, loados eles tamén, puidesen achegarse a facer o seu traballo de limpeza.

Despois, xa saben, pasou o que pasou.