Opinión

Recordatorio

O que vou contar a seguir xa o saben, mais de cando en vez, somerxidos neste xel pandémico, cómpre recordar o que xa sabemos. Por varios motivos, entre eles non desesperar e planear solucións posíbeis a problemas reais, non ficticios. 

O capitalismo, este sistema económico e político no que estamos inmersos, sofre mutacións constantes, algunhas visíbeis e evidentes e outras máis insidiosas, só detectábeis para mentes avisadas. Eu non son unha mente avisada no que a predicir cambios se refire. Como persoa instruída no método científico, elaboro hipóteses máis ou menos detalladas sobre os máis variados temas, que despois cómpre demostrar. 

A miña hipótese é que non existe unha única encarnación do mal e, indo alén desa evidencia, que o mal somos nós, todos e cada un de nós, pois nós (eu o primeiro) alimentamos a besta capitalista. Algún defenderase dicindo que el/ela non, que son cidadáns exemplares. Se cadra ese sexa a maior contribución á maldade, ser un cidadán exemplar. 

A miña hipótese artéllase a partir da idea de que só na revolta permanente (contra un mesmo, contra a apatía) está, senón a garantía si cando menos a esperanza (ía escribir ilusión) de que se pode cambiar o sistema. 

Non chega con colar adhesivos nos farois, asinar peticións ou facer pintadas nos muros (reais ou virtuais). Axuda, mais hai que ir máis alá, por descontado, nas actitudes individuais e na solidariedade colectiva, saír da zona de conforto e partillar opinións, debater ideas, expandir comportamentos, non se deixar levar polo desleixo acomodadizo. Estudar, crear, rebelarse se fose necesario. 

Sei que algunhas destas condutas serán absorbidas polo sistema, que é unha besta mutante, mais se cadra podemos aprender da pandemia, do virus, procurar unha vacina (prevención) e un remedio (tratamento paliativo) para atacar de xeito colectivo ese mal que está en nós, que nos posúe, que nos integra no corpo mesmo da besta. Observar, pensar, actuar, ese é o tridente contra a norma. 

Comentarios