Opinión

O que se pode mudar e o que non

De seguro que do seu paso polo ensino secundario lembran, aínda que sexa de xeito aproximativo, o concepto de “Ósmose”, aquela propiedade pola que unha membrana semipermeábel permite o paso de certas susbtancias cando dous fluídos entran en contacto. Permite, de aí o adxectivo semipermeábel, o paso dunhas substancias e non doutras, funcionando a xeito de filtro. Facendo un chimpo intelectual, a ósmose tamén se pode aplicar ás ideas, cando un grupo de persoas entra a formar parte dun colectivo e, daquela, as súas ideas se expanden no interior dese colectivo a partir dun núcleo central que se vai esvaindo de pouco a pouco. Supoño que a estas alturas do parágrafo estarán confusos co que eu pretendo explicar de xeito tan escuro. Hai días nos que un está espeso e se cadra non debería seguir escribindo, mais eu non quixera que vostedes non se deran de conta das miñas debilidades, dos meus vaivéns intelectuais, das miñas alternancias de carácter. Levo case dous anos e medio escribindo nestas páxinas artígos de moi distinta factura, algúns deles resultado dun momento de iluminación expansiva, outros entusiastas até as lindes da excentricidade política e os mais unha chisca inanes para quen só procura a repetición das consignas dos seus ideólogos oficiais.

Vivimos, enténdase, bos tempos para a ósmose, esa capacidade dalgunhas partículas dun fluído de atravesar unha membrana semipermeábel

Vivimos maos tempos para a ortodoxia, pois os resultados acadados polos gardiáns do Grial levan unha morea (ía dicir marea, lapsus linguae comprensíbel) de tempo cunha tendencia á baixa que non son quen de reverter nin pondo na presenteira os seus líderes máis mozos (os famosos grumetes, segundo expresión choqueira dun dos gardiáns das esencias). Vivimos, enténdase, bos tempos para a ósmose, esa capacidade dalgunhas partículas dun fluído de atravesar unha membrana semipermeábel. Se identificamos partículas con ideas, por “ósmose intelectual”, entenderíase aquel proceso evolutivo no eido ideolóxico, contrario en todo ao sectarismo máis ortodoxo, que favorece a inclusion no acervo colectivo (do grupo) doutras ideas e doutros modos, que enriquecen a aposta por unha opción política dinámica, integrada nunha sociedad plural. Noutras palabras, non se trata de admitir calquera idea ou alianza, calquera confluencia táctica, senón utilizar un filtro (a membrana semipermeábel), que permite o paso das ideas progresistas logo dunha especie de control de calidade desas ideas (pola praxe noutas situacións semellantes). Dicía Aristóteles que a política é a arte do posíbel, pois se así é, aquí o posíbel está por inventar, pois polo de agora só se experimentou coa arte da quimera, coa paixón polo inalcanzábel, coa perigosa tentación da pureza étnica.

A ósmose esta aí pois para permitir o xulgamento, para aceptar ideas aínda que veñan doutra xente

Se cadra estou errado, como case sempre, que por unha eiva herdada dos ancestros só consigo ter as ideas claras logo de ter experimentado as contrarias, ou cando menos as diverxentes, que só aprendo dos erros, que é forma ben ruín de aprender pois require, as máis das veces, dun sufrimento inicial (o do erro) para acadar un obxectivo necesario.

A orixe desta disquisición está nunha cita que atopei nun caderno de peto de hai case catro anos, así soa, perdida na páxina. No libro “Matadoiro 5”, de Kurt Vonnegut aparece a seguinte oración: “Concédeme señor serenidade para aceptar as cousas que non podo mudar, afouteza para mudar as que si podo, e sabedoría para ser quen de distinguir as unhas das outras”. Non estou certo da cita, pois se hai unha cousa que definitivamente teño que mudar é o meu xeito de anotalas dun xeito máis preciso e cunha letra menos torturada e difícil.

A ósmose esta aí pois para permitir o xulgamento, para aceptar ideas aínda que veñan doutra xente, para equilibrar o noso pensamento sen deixar de ter o(s) obxectivo(s) claro(s), para vivir a felicidade evolutiva, para ser quen de se trabucar e recoñecelo, para erguer a vista asentindo cando é un outro o que ten razón, para debater sen violencia, para escoitar con respeto, para avanzar da man de, e a carón de, e non illado como animal difícil.

Comentarios