Opinión

Paseo (I)

Falarei dun paseo até o cumio do monte Jaizkibel. Hai un par de días aquí cheguei, a Donibane (entre nós máis coñecido como unha parte de Pasajes). Por entre nós refírome á comunidade arredor da pesca do alto e, máis en particular, á pesca do bacallau. Despois de días de intenso traballo intelectual decidín dar un paseo polo monte, que ademais de osixenar o cerebro axuda a tomar distancia da vida sedentaria na que, por razóns de inercia e oportunidade, estamos instalados a meirande parte de nós.

Un paseo é sempre oportunidade para a reflexión. Máis aínda en solitario. O monte Jaizkibel é coñecido entre os xeólogos polas súas rochas sedimentarias e os seus grandes pregamentos. Mais o que a min me interesou máis foi a variedade da súa flora e da vida animal. Mentres ascendía por escabrosos sendeiros entre pedras esvaradías fun atravesando variadas asociacións de érbedos e figueiras, para xa despois camiñar entre piñeiros marítimos e carballos pirenaicos. No cumio había vacas e cabalos pacendo en alombadas praderías. Vin varias especies de bolboretas e saltóns, algúns lagartos, cascudas de varios tipos e até unha barbantesa, que levaba anos sen ver unha. O ollar perdíase en extensas pradarías e bosques de árbores autóctonos só rachados polas inmensas laxes dos pregamentos.

Paseando polo monte Jaizkibel pensei nun recente paseo polos montes que orlan o val onde o Sar verte augas no Ulla, alí en Meda e o Castelo, benqueridos testemuños das excursións de cando neno. Alí os montes constitúen agora unha mestura innobre de eucaliptos e piñeiros (máis dos primeiros). Apenas hai variedades de insectos, silvas e as hedras van medrando sen control en detrimento doutras especies. A biodiversidade sufriu unha mingua terríbel, o que presaxia males maiores. Sentín unha mestura de arrepío, de carraxe e de xenreira. Sentino porque somos un pobo pobre de espírito, que escolle para gobernar a uns xudas sen escrúpulos que se venden por unha presada de billetes.