Opinión

Paseo (e IV)

Dos tres montes que orlan Donostia, quedábame por visitar o Monte Igueldo, que non sei por que motivo tiña unha connotacións negativas no meu imaxinario. Era unha xornada de moito vento, sen chuvia mais co mar bravo, dese que deixa mensaxes cifradas na escuma que ergue nas batentes e nos roncadores. Dirixinme ao funicular, que conserva aínda os vagóns de madeira centenarios, que de tanto uso xa se converteron en rústicos. Non foi sorpresa, pois xa ía avisado, que no seu cumio hai un parque de atraccións, obsoleto hoxe, mais que no seu tempo de esplendor debeu constituír un toque de distinción para os nenos da burguesía donostiarra. 

As vistas magníficas da badía da Kontxa, da illa de Santa Clara e da cidade de Donostia deixáronme abraiado, circunstancia que aproveitaron as miñas neuronas para conectarse entre elas de xeito incontrolado para min e evocar imaxes do pasado. Aquí estiven en 1979, cando tiñamos unha democracia balbucinte (a de hoxe non é ningún luxo, mais esta a anos luz daqueles tempos ) e celebrábamos en Euskadi unha xuntanza da esquerda máis contestataria (un ten a súa historia, que só a policía coñece nos detalles). Lembro que dende aquel cumio se podían albiscar na distancia as montañas occidentais do Pirineo e, máis próxima a silueta do Palacio de Aiete, de infausta memoria por ser residencia de verán do ditador Franco entre 1941 e 1975. 

Cavilei o que nos levara os galegos recuperar (grazas, por certo á afouteza daqueles que arriscaron no empeño) o Pazo de Meirás para o dominio público, e o doado que lle resultou á cidade de Donostia, dispor logo da morte do ditador do palacio de Aiete. 

Os paseos, ademais das súas virtudes innegábeis para a saúde, serven tamén para cavilar, quer nas coidas privadas, quer nas sociais. Aquí serviron para constatar, máis unha vez, as marcadas diferenzas de xestión pública en dúas nacionalidades históricas, no que se refire, neste caso, ao uso e devolución do patrimonio incautado pola ditadura. Non idealizo, só constato a diferenza.

Comentarios