mércores 28/10/20

Pasamento de Manuel Quintáns

Souben pola redes sociais do pasamento de Manuel Quintáns Suárez, un dos tres “Manueles” que forxaran a miña vocación ou souberan contela a tempo. Foron eles, cada un ao seu xeito, os tres mellores profesores que eu tiven. O xeito de Manuel Quintáns foi sempre o da proximidade e o respecto, o que foi e é sempre de agradecer.

Manuel Quintáns aprendeume lingüística e estruturalismo, a expresarme con liberdade e sen medo a cometer erros ou dicir o que naqueles anos escuros non se podía dicir sen temor. Aprendeume tamén o exercicio da tolerancia, a arte da paciencia, como saír indemne do labirinto da lóxica, e mais o valor da amizade e o respecto pola opinión dos outros. Entre nós, os seus alumnos, chamabámoslle “queisiños”, así, en galego, nunha sociedade e nun ambiente onde o galego estaba reprimido. O alcume víñalle do seu costume a acariñarse o queixo para reflexionar mentres avaliaba os argumentos que usabamos nas nosas respostas cando demandaba a nosa opinión sobre Lorca ou Quevedo, sobre Kafka, Shakespeare ou Valle-Inclán, que, baixo o seu consello, limos de punta a couce nas edicións da colección Austral que se atesouraban na biblioteca.

Cando estabamos nesa idade de dúbidas que precede a entrada na Universidade (o que na altura se chamaba COU) inventou para nós unha actividade extraescolar, o ‘Club de Prensa’, foro de debate que habería de forxar vocacións polas letras e pola análise crítica da realidade que nos contornaba.

No decorrer dos anos atopámonos varias veces nas rúas de Compostela ou no Centro Ramón Piñeiro, onde desenvolveu parte da súa actividade investigadora. Sempre elegante no trato e agarimoso cos seus alumnos nunca deixou de me animar na miña particular querenza pola literatura. Conto con que a sociedade e as autoridades saiban honrar a súa memoria de bo e xeneroso.

Dende a distancia só podo repetir o que en vida lle expresei “moitas grazas, profesor” e escribir esta columna na súa honra e celebración.

comentarios