Opinión

A observación atenta

Case nunca é doado saber as trampas e reviravoltas que a vida ten dispostas diante nosa, aí, esperando o intre no que se dea a confluencia das circunstancias e causalidades propias da lóxica/ilóxica perversa da existencia. É complexo por non dicir imposíbel controlar todas as variábeis externas e internas que inflúen na nosa existencia e, por iso, todas as precaucións son poucas e, ao mesmo tempo, moitas precaucións producen ansiedade crecente até chegar, nos casos de delirio paranoico ou á parálise introvertida da que resulta tan pouco acaído saír sen mágoa.

Dicía Hutchinson que o ecosistema é un macro volume de revolución, ou sexa un volume con múltiples senón infinitas variábeis. As variábeis poden ser físicas tais como altitude, profundidade, acidez, temperatura, salinidade, presión atmosférica ou intensidade dos campos magnéticos; químicas como a concentración no substrato (sexa este acuático, aéreo ou terrestre) de substancias químicas como metais pesados, hidrocarburos ou sales minerais; tróficas como aquelas que representan as interaccións entre os diversos organismos que habitan o ecosistema como predación, canibalismo, parasitismo ou simbiose; ou aínda climáticas, como o nivel de precipitacións, a humidade ambiente ou a intensidade da radiación solar.

Na natureza existen variadas posibilidades combinatorias destas e doutras variábeis. Hai que engadir interaccións, reaccións, catalizadores, encimas e outros mecanismos, substancias ou procesos que xorden de xeito inesperado ou progresivo. Noutras palabras, que para pór orde neste caos de relacións, as computadoras tal e como as coñecemos hoxe non son quen de predicir a evolución de todas e cada unha das especies que compoñen un ecosistema. Cando menos polo de agora. A próxima revolución, a dos sistemas de computación cuánticos, e a seguinte, a revolución dos computadores moleculares se cadra axuden para resolver as ecuacións multi-variantes, diseminacións víricas incluídas.

Comentarios