Opinión

O mudar do clima

Comecei o ano 2020 falándolles do mudar do clima. Vou comezar este novo ano recuncando sobre o tema. Hai tempo que non lles falo deste tema e non porque non sexa unha das maiores preocupacións que eu teño, senón porque estas dúas vagas de pandemia e a que veñan, bloquearon dalgún xeito esta urxencia con outra aínda maior. Saiban que nos próximos anos este cambio no clima é o maior reto da Humanidade, así, con maiúsculas.

Para a pandemia que fixo para tantos de nós o ano 2020 o peor das nosas vidas, semella que hai vacina, ou sexa solución temporal. Os primeiros meses do encerro/confinamento alá por marzo e abril dese ano horrísono, deron para pensar que certos indicadores do cambio climático mudaran de intensidade. Con certeza lembrarán, coma imaxe paradigmática, os polbos e peixes nas canles trazadas na lagoa de Venecia. Foi unha miraxe, mais tiveron o interese de visualizar como a presión do turismo pode ser negativa para os ecosistemas. Entenderán que lles fale de miraxe pois os mecanismos que gobernan o mudar do clima, baixo unha aparencia caótica, son ben máis potentes que a eliminación da presión turística puntual.

As previsións máis agoireiras semellan confirmarse. Para isto, saiban, non hai vacina e atreveríame a dicir, que a estas alturas da desfeita, tampouco hai en perspectiva un tratamento paliativo. Non hai panos quentes, masaxes, unturas, pílulas milagreiras ou receitas maxistrais que poidan sandar este andazo. Non queda outra que unha operación, si, cortar, serrar, sondar, baleirar, extraer o cancro que ocasionou esta catástrofe planetaria. Esa desgraza que compre limpar, abrir, extraer e suturar é o capitalismo na súa fase actual,  a do gasto irresponsábel e sen medida.

Se cadra esta pandemia, que foi posíbel pola proliferación do comercio internacional, do turismo aloucado e masivo e do movemento incontrolado de persoas, debería facernos reflexionar sobre a relación entre as pandemias futuras e o cambio climático.

Comentarios