Opinión

O mellor plan

Leo con estupor (o estupor na pantalla non é menor que na versión en papel!), que algúns medios de comunicación presentan ‘os mellores plans’ de vacacións para os próximos días. Non podo eludir unha reacción diante deste despropósito. Viaxar en tempos de pandemia, cando a curva de contaxios se resiste a baixar, é unha irresponsabilidade individual e colectiva. Incrementa as nosas posibilidades de contaxio e o risco de cometer os mesmos erros de ocasións festivas aínda recentes.

Hai tres ou catro décadas, eu, coma calquera adolescente aínda novo, estaba neste mundo para mudalo de raíz, como foi e espero que sexa no futuro nas xeracións que vaian entrando nesa idade de contrastes. A rebeldía non minguou aínda que agora sexa máis consciente e máis temperada. Resístome a aceptar – aínda que teña que apandar coa tiranía da realidade– que se poida convidar a poboación á irresponsabilidade. Temos unha pandemia, que está creando bolsas de pobreza económica e de precariedade ética e nesta situación, precisamente nesta situación inaudita, algúns medios de comunicación, esporeados polos políticos irresponsábeis, non pensan senón en incrementar os riscos dunha nova onda de contaxios coa única escusa de ‘dinamizar a economía’.

Vivimos nun mundo de rutinas festivas, que o sistema de economía aberta e competitiva –o capitalismo na súa fase actual– non deixou de alimentar.

Esta fin de semana vou quedar para dar unha camiñada cun par de amigos de tempo, poetas na ocasión. Non nos vemos dende xullo pasado, cando un descenso na transmisión do virus deu pé a unha xuntanza que, como agora, foi con máscara e distancia. É duro, seino como cada un de vós, e non se trata de sentidiño, esa construción simpática que minimiza o sentido común e dá pé a excepcións cun ton amábel. Trátase de solidariedade, de responsabilidade, de sentido común.

Viaxar nestas vacacións de primavera (semana santa para uns, de desenfreo para outros) nin ten sentido nin ten perdón. 

Comentarios