Opinión

O fío de Ariadna

Comezarei por uns versos, o que adoita axudar para a reflexión e para o ánimo. Son do escritor Mario Benedetti. Permitan que non os traduza, que os garde na lingua orixinal: “ojalá que la espera / no desgaste mis sueños / ojalá que la niebla / no llegue a mis pulmones / [...] y yo sepa por fin / que dejas para siempre / la espesura de ese aire maldito / cuando tus ojos encuentre y celebren / mi bienvenida que no tiene pausas.” 

A brétema deste ar maldito cúbreo todo dun manto de incerteza. Todos e cada un de nós entramos sen querelo neste labirinto e descoñecemos se algún día daremos saído, se teremos vencido ao ‘virus minotauro’, ou se ficaremos con ese ar inmundo nos pulmóns. Levamos meses camiñando un pouco á toa, coma ringleira de invidentes conducidos por uns choscos que non é que non queiran ver, senón que son invisuais por mor da brétema. 

Instaurados no ecosistema da incerteza (xustificada neste caso pola ignorancia de quen é o inimigo), camiñamos sen saber a onde, aparcando os soños para un mañá sen data fixa. Perdidos, quédanos a esperanza, que din que é o último que se perde. A ciencia, que ten como método a hipótese e a súa verificación ou rexeitamento, é a nosa Ariadna, a que pode ver entre a confusión da brétema mesta. Ariadna non posúe aínda o fío que nos poida liberar do labirinto, non ten as respostas certas e segue procurando sen descanso. A esperanza non a temos que pór noutras axudas, pois non existen no horizonte racional. 

Quédanos o ‘ogallá’ e quédanos tamén a ‘liberación deste ar maldito’ para chegar a ese día (mítico?) no que os nosos ollos celebren a saída do labirinto, cando nos podamos atopar sen medo e sen restricións, cando ‘os teus ollos e os meus se encontren e a miña benvida non teña pausa nin acougo posíbel’. Entrementres, ficar atentos para non caer na ‘armadilla’ do desespero ou na tentación de negar a realidade. Atentos e solidarios na desgraza, esperando que Ariadna nos tenda o cabo do fío para saír do labirinto.  

Comentarios