Opinión

O exilio universal

Hai pouco lin a novela El fiscal, de Augusto Roa Bastos, que fala do monoteísmo no poder. Retomo o discurso de Roa Bastos aplicado á nosa realidade máis próxima e pertinaz: a do exilio, que dalgún xeito é unha emigración forzada. É certo que case nunca un emigra por ‘gusto’, mais hai circunstancias onde un é realmente expulsado da sociedade onde vive. Falo por experiencia propia.

Non acontece só en Galiza, é o mal dos pobos empobrecidos económica ou, o que é peor, eticamente. O exilio deixou de ser hai tempo o mal dun país en guerra ou cunha crise económica ou social importante. Agora mesmo é unha praga universal, que xa predixera Töffler na súa obra A terceira onda, cando falaba de migracións masivas de orixe económica, política ou ambiental. Dalgún xeito a humanidade enteira, como conxunto, vive no exilio.

Na sociedade de consumo a barreira da capacidade de gasto e a barreira tecnolóxica son as principais fronteiras de comportamento. Noutras palabras, as fronteiras da idade e as da clase social. Estou falando en xeral, cos grandes números. As individualidades son as que viven no exilio. Todos somos (ou aspiramos, ou fomos forzados a ser) beduínos nómades dunha cabila extinta, obxectos trasnacionais, como o diñeiro, as guerras ou a peste. 

Neste noso país sen Estado, o desleixo no Goberno levou a vagas e vagas de exiliados económicos e sociais, e, por tanto, políticos. Iso conduciu a un despoboamento asimétrico, a unha taxa de renovación negativa que alimenta a baixada do consumo, o que leva, corolario lóxico, a menos inversións, mais exilios/fuxidas, e así sempre nunha roda infernal de forzas centrífugas (de expulsión).

Aquí funciona o poder monoteísta, a xestión controlada dunha derrota colectiva, dunha submisión orgánica, que ten na construción do discurso do medo a súa mellor arma. Ou eu ou o caos, brama o gañador. Acordamos e o caos calmo vaise apoderando da nosa sociedade. Non tardarán en chegar as novas vagas de exilio.

Comentarios