Opinión

Nunataq

Os fíos que conectan o vivido e o soñado, a memoria deformada e a realidade varían en cada un de nós, segundo parámetros non totalmente elucidados. Por iso o que lles vou contar poderalles resultar algo chocante, mais foi así que aconteceu. Cruzaramos a ría de Vigo para asistir en Moaña a un concerto de BFlecha, que presentaba disco. Ela comezou a súa actuación sentada nunhas pedras a modo de poio diminuto ou illa de natureza. As pedras asentábanse en parte sobre terra e area, con algúns gromos de herba que medraban aquí e alá. A brétema artificial creada por unha máquina, a iluminación de baixa intensidade, a propia vestimenta dos intérpretes e o ritmo envolvente e algo misterioso da música, como de saga islandesa, trouxo dun recuncho da memoria a palabra inuit, nunataq.

Ao chegar a casa acudín ao meu dicionario de inuktitut (a lingua dos inuits), traficado nunha das miñas viaxes a Canadá a finais do século pasado. Nunataq (ou nunatak, segundo a transcrición que se manexe) é lugar de resiliencia e explosión de vida no medio da tundra e dos desertos nevados. Fun aos meus arquivos poéticos e atopei un poema titulado Nunataq no que un eu máis novo e se cadra máis inxenuo celebraba a explosión de vida nesas pequenas illas de resistencia nas latitudes boreais pasando a fronteira do visible,/no bordo do glaciar, centos de especies,/ borboriñando vida, agromando en multitude. 

Tirando do fío da metáfora imaxinei a sociedade futura como illas de resistencia e diversidade étnica e cultural, como burbullas de relacións e de contactos, onde as intranets terían máis uso que a internet, pois esta sería (éo xa dalgún xeito) unha grande máquina de manipulación social. Imaxinei tamén a relación posíbel entre esas burbullas, cando a tensión de superficie que as mantén separadas se relaxe, e entón resulte sinxelo unir burbullas e (re)construír unha maior (Galiza, onde nos podamos entender e vivir en harmonía coa natureza). Non se asusten, non se trata de predicións senón de fíos que conectan o vivido co soñado.

Comentarios