Opinión

Naufraxios varios

Haberá quen diga que aceptar as nosas imperfeccións relaxa moito. Eu entendo que son un pésimo analista político, de xeito que ninguén semella satisfeito coas miñas análises da invasión de Ucraína, do declive do Imperio americano ou da fuxida do administrador principal da Xunta de Galicia. Afástome así, as máis das veces da tiranía da realidade, evitando reiterar os argumentos que outros utilizan, pois, pasada unha semana da anterior crónica, o que parecían feitos novos xa non o son tanto. Así e todo, un non se pode resistir ao engado da realidade, da actualidade.

Hoxe dubidei entre falar da fuxida do Administrador principal da Xunta ou da negativa do Goberno Central a investigar os restos do naufraxio do buque 'Vila de Pitanxo' , en Terranova.

O primeiro constitúe unha dupla falta deontolóxica: mentir cando dixo que a súa prioridade era Galiza e mentir, tamén, dicindo que ía esgotar a lexislatura. Co, agravante, ademais, de descabezar o goberno, e levar con el a unha parte dos seus activos "preparados". Un desprezo, pois, negando o mandato da poboación, e, aínda máis, secuestrando aos actores principais do goberno. Algúns (se cadra moitos) dirán que é mellor así, que se vaian todos e bla, bla, bla, mais o que menos precisamos agora é ter un goberno provisorio que dependa das chamadas telefónicas ao Kaporal de Madrid (máis unha aldraxe ao concepto de goberno autónomo).

Do segundo asunto opino que se hai posibilidade de baixar até os restos do naufraxio, como adoitan facer as compañías dos cables submarinos, pois haberá que o facer, quer para tranquilidade dos familiares das vítimas, quer por unha cuestión de seguridade xurídica, quer dos afectados directos, quer aínda das aseguradoras.

Dous naufraxios. Un é un naufraxio real, o dun barco e os seus tripulantes, e o outro é o anuncio dun naufraxio diferido, o dun estado autonómico que se re-centraliza a grandes trancos e do que este episodio non é senón una anécdota. Dixen o que pensaba, fico relaxado.