Opinión

Nai natura

Levo moito tempo vivindo nunha cidade de Bruxelas, de xeito que cando visito o campo, o monte ou calquera lugar en plena natureza e afastado desta cidade síntome dalgún modo como aquel neno que fun. Ese mesmo rapaz que se abraiaba con todas as manifestacións da natureza. Extasiábame vendo a danza das bolboretas e podía pasar horas enteiras dedicado á contemplación dun formigueiro ou os avances sexuais das vacalouras. Hai uns días, paseando á beira do Lagares, en Vigo, tiven unha sensación estraña, como de estar diante da natureza moribunda, en estado de descomposición.

Apenas vin unha parella de bolboretas, os cabaliños do demo, outrora omnipresentes nas ribeiras, estaban desaparecidos, as troitas e os escalos, fóra dos seus agochos, semellaban nadar nunha corrente tóxica, arfando en estertores. Se cadra pareceralles esaxerado, a min tamén mo parecería se non fose eu quen o contemplou cos meus propios ollos.

O que outrora foi celebración é hoxe sensación de estar diante dunha natureza doente, masacrada polos plásticos omnipresentes, polos tóxicos liberados sen medida, polas agresións sen número, polo desleixo maior. Se unimos a esas agresións directas aquelas que resultan do quecemento global do planeta que está ocasionado unha cadea de desgrazas naturais (inundacións, incendios, importación de especies invasoras), temos un panorama caótico ao que cómpre pór remedio. Todo iso mesturado nun contínuo de despropósitos e sen moitas esperanzas de salvación se non lle pomos freo ao declíneo progresivo. Aquí en Vigo, xa saben, goberna quen se prace chapodando árbores, pechando Vigo ao mar e publicitando unha contaminación luminosa brutal, que racha co equilibrio natural. Mais non cómpre botarlle a culpa a un individuo único, afincado ao poder omnímodo (ese que producen as maiorías absolutas), senón preguntármonos que é o que podemos facer todos e cada un de nós para reverter esta situación. Materia para reflexionar sen dúbida, individual e colectivamente

Comentarios