Opinión

Morte no Yangtzé

Nas fines de semana adoito pasar pola Brasserie L’últime-Atôme para follear os xornais en papel e non perder fío do que acontece no mundo. Hai agora un par de semanas entre outras noticias ás que o xornal ‘Liberation’ dedicaba ben máis de espazo, lin unha nota curta que chamou a miña atención. Falaba dunha especie de peixe moi especial, primeira victima en 2020 desta guerra contra a biodiversidade que sofren os ecosistemas explotados comercialmente.

O peixe espátula do Río Yangtzé (Psephurus gladius, von Martens, 1862) ostenta a dubidosa honra de ser o primeiro peixe dado por desaparecido neste ano e porén nesta década. Oficialmente desaparecido este peixe era moi apreciado pola súa carne e polas súas ovas (unha especie de caviar, pois está emparentado cos esturións) e podía (xa non pode, meu probe) acadar até os tres metros de lonxitude. Foi vítima da sobrepesca e da fragmentación do seu hábitat por mor da construción dun gran encoro (se cadra o maior do mundo), que impedía a súa reprodución no curso alto da corrente. Noutras palabras menos amábeis, foi vítima non xa da ambición senón da cobiza, fonte de todos os males.   

Non todas as desgrazas ecolóxicas teñen relación directa co quencemento global, con ser esta a incerteza na saúde do planeta que está máis de actualidade. A diminución da biodiversidade é tamén unha das grandes eivas que afectan a todos os ecosistemas do planeta. Nefeuto, cando desaparece unha especie, a engrenaxe do sistema renxe e, daquela, os efectos adoitan ser impredecíbeis mais desequilibrantes. Ao inicio do proceso poida que non se note moito a súa ausencia, mais cando as súas présas potenciais aumenten en número por non ter quen as coma, han producir como efecto indesexado o colapso doutras poboacións, o que levaría a diminución progresiva da biomasa e da diversidade no río Yangtzé. 

Cada vez que desaparece unha especie eu fico desolado, tanto como cando desaparece unha forma de rebelión ou heterodoxia.

Comentarios